O VI Concerto de fin de ano congregou numeroso público na Igrexa Parroquial de Zarracós

A cita musical tivo lugar pasado sábado, día 28 de decembro, do 2019

 

O VI Concerto de fin de ano congregou numeroso público na Igrexa Parroquial de Zarracós

Nestes tempos que nos tocou vivir, encher unha igrexa do rural galego para algo que non sexa un enterro é algo verdadeiramente excepcional, e tal rareza volveu ocorrer o pasado sábado, día 28 de decembro, na Igrexa Parroquial de San Andrés de Zarracós que acolleu por sexto ano consecutivo unha nova edición do xa tradicional concerto de fin de ano. Unha entrañable cita musical organizada e dirixida polo gran mestre Bieito Blanco Gándara coa colaboración da Asociación de Veciños de Zarracós, dos veciños da parroquia e do Excmo. Concello Da Merca.

Polo presbiterio dunha igrexa parroquial ateigada de público para tal ocasión, foron pasando un importante elenco de artistas profesionais e non tan profesionais.  Os primeiros en subir ó improvisado e solemne escenario foron os alumnos e alumnas do curso de pandeireta e canto tradicional de Zarracós, que cunha indumentaria ben particular na que ata se puideron ver tres corozas de herba, interpretaron catro cancións: “Canto de reis de Zarracós”, “Valse de Piñeiros”, “Muíñeira resalada” e “Canto de Nadal Nosa Señora”.

De seguido, chegou a quenda para o presentador da gala e  gran tenor Baldomero Pavón que deleitou ós presentes coa súa extraordinaria voz cantando dúas cancións: “La golondrina” e “Tu me levantas”.

Xa no ecuador do concerto foi o momento para os apaixonados do acordeón (que non son poucos na nosa zona). Así, o dúo composto por Lucía Meijón e  Bieito Blanco tocaron con gran mestría dúas fermosas pezas galegas: “Muíñeira de Freixido” e “Xota de Ordes”. E ó remate, a orquestra de acordeóns da Escola de Música Bieito Blanco interpretou outras cinco cancións: “Hey Jude”, Chiquitita”, “París te amo”, “Encantos de Cuenca” e “O Carro”.

A continuación, a Coral Cantares do Miño de Velle tocoulle por a nota de solemnidade á velada musical interpretando cinco cancións: ”El Tamborilero”,”Na noite máis fermosa”,”Ro mi niño Ro”, “Agarima ó neno” e “Navidad Azul”.

Nesta edición, os encargados de por o broche de ouro ó concerto foron os compoñentes da Charanga BCB de Celanova, que novamente foron capaces de levantar a todo o público dos seus asentos, interpretando tres panxoliñas:  “Noche de paz”, “Navidad Navidad” e “Color esperanza”, para logo ter que realizar un bis despois da exacerbada ovación do respectable, tocando a popular panxoliña:  “Los peces en el río”.

Como novidade, este ano para cerrar o concerto, todos os artistas participantes subiron ó escenario para interpretar todos xuntos e co público dúas panxoliñas: “Que se despierte” e “Con un sombreiro de palla”.

Dende a Asociación de Veciños non nos queda máis que dar as grazas a todas e a todos os que fixestes posible un Concerto de Nadal tan fermoso, de xeito moi especial a Bieito Blanco, a Cristina Calle (Profesora de pandeireta) e ós integrantes da Charanga BCB, e como non, tamén agradecer a presenza do fantástico público que ateigou a igrexa parroquial de Zarracós un ano maís, e xa van seis.

Aquí deixamos os vídeos de todas as actuacións para que poidades revivir este gran concerto:

31 de Decembro do 2019




Destacamos