A pesares do estado de alarma o persoal da empresa Arte-3 segue traballando no seu taller
Entre tanta noticia negativa e tanto pesimismo, hoxe prácenos escribir este pequeno artigo para comunicar unha boa nova ós veciños e veciñas da parroquia, e é que a pesares do estado de alarma, a restauración do retablo da Virxe Das Neves continúa avanzando a moi bo ritmo nas dependencias da empresa ARTE-3.
Así, e para que poidades facervos unha pequena idea de dito avance, hoxe traémosvos unhas cantas fotografías que dan boa fe do gran traballo realizado por esta empresa Ourensá. Nelas, pode comprobarse que a antiga pintura xa foi retirada por completo e que moitas das pezas de madeira rotas ou degradadas xa foron reintegradas seguindo os criterios da Dirección Xeral de Patrimonio.
Por último, e no que atinxe a situación económica, a asociación de veciños leva recadado o 90,59% do orzamento total da obra, polo que aínda queda por xuntar o 9,41% restante , é dicir, uns 408€. Por iso, e a pesares da tremenda realidade que estamos vivindo, dende aquí queremos animarvos a que sigades colaborando con esta iniciativa de recuperación do patrimonio.
Moitas gracias pola vosa comprensión e colaboración.
29 de Abril do 2020