Punto e final a vinte sete anos de cultura e festas populares na parroquia de Zarracós
Este ano está sendo realmente duro en todos os sentidos e dende a asociación de veciños eramos perfectamente conscientes de que non ía ser nada fácil sacar adiante iniciativas culturais ou doutra índole. Así, non puidemos celebrar o xantar popular do San Ceriz como nos houbese gustado, pero buscamos un plan B que permitiu que os veciños e veciñas da parroquia que así o desexaron, puideran comer polbo a feira coa súa familia máis próxima.
Como ben sabedes, a festa das Neves para este ano 2020, xa estaba contratada dende o ano pasado coas charangas BCB e Castro Bello e coas orquestras Anduriña e Alianza, por responsabilidade e a pesares de que se poden realizar verbenas segundo unha resolución ditada pola Xunta de Galicia o pasado mes de xuño, decidimos suspender este contrato, convocar unha asemblea xeral extraordinaria e tratar de sacar adiante unha programación cultural alternativa baseada en concertos, monólogos e música de rúa; Espectáculos todos eles que se poden desfrutar sentados, nun sitio controlado e hixienizado, ou dende a domicilio particular de cada un. Esta proposta foi votada en asemblea xeral extraordinaria e aprobada pola maioría dos socios presentes.
A partir dese momento, a directiva desta asociación de veciños púxose a traballar intensamente e ideou un plan hixiénico-sanitario que presentou, xunto con toda a documentación necesaria ante o Concello da Merca para obter o correspondente permiso da alcaldía. Neste artigo achegamos algunhas das imaxes presentes nese plan sanitario e tamén un enlace para que poidades descargalo e darlle unha lectura se así o desexades.
Descargar documento plan hixiénico-sanitario programación cultural Zarracós 2020
Tristemente, hoxe temos que comunicar que NON PODEMOS ORGANIZAR A PROGRAMACIÓN CULTURAL ALTERNATIVA dado que o Concello da Merca non nos concede o permiso necesario, a pesares de axustarse esta ós requisitos esixidos pola Lei 10/2017, de 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, así como a Resolución do 25 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se da publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia de 25 de xuño de 2020, polo que se introducen determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara unha nova normalidade.
O Concello da Merca basea a denegación do permiso en que non poden vixiar o citado evento e que dada a situación de alerta sanitaria na que nos atopamos actualmente en relación ao COVID-19, e os posibles riscos aos que se pode expoñer a poboación nunha celebración onde exista concorrencia de varias persoas e baixo as prescricións da autoridade sanitaria municipal co obxecto de evitar posibles brotes de dita enfermidade.
Así, e dado que xa hai moitos socios que pagaron a cota estipulada, nos próximos días procederemos a devolverlles o importe íntegro.
Nin que dicir ten, que dende a asociación de veciños tamén poñemos por encima de todo a saúde dos veciños e veciñas da parroquia, pero que tamén nos houbese gustado poder achegar un pouco de música, humor e alegría a todas as xentes desta parroquia nestes tempos difíciles, escuros e tristes, pero a administración local non nos permite facelo, nin unha simple alborada podemos organizar.
Lamentamos enormemente ter que suspender todo canto compromiso tiñamos apalabrado ou asinado coas distintas agrupacións musicais e monologuistas xa que detrás de cada cancelación hai xente e hai familias que pretenden gañarse de xeito honrado o pan de cada día. Dende logo que non é nada fácil ter que chamar a alguén e dicirlle que non veña, que temos que cancelar, sobre todo cando hai anos de relación e de amizade polo medio.
Ogallá, os investigadores atopen pronto unha vacina ou unha solución para o COVID-19 por que de non ser así, van ser anos moi tristes para a cultura popular e para veciñanza no Concello da Merca.
20 de Xullo do 2020