Cando a música e as risas tiveron que gardar silencio no Concello da Merca
O tempo vai camiñando paseniñamente e xa nos atopamos na semana despois das “festas fantasma da parroquia Zarracós”. En condicións normais, hoxe estariamos publicando multitude de fotos e vídeos da nosa celebración máis agardada, pero por desgraza, non é así e o único que podemos facer e tratar de esquecer este ano, que xa de por si está sendo bastante nefasto, pero que outros se empeñaron en que aínda o fose máis.
Dende a directiva da asociación de veciños intentamos por todos os medios posibles que a parroquia de Zarracós puidese gozar dun pouco de música e humor, pero a pesares deste gran esforzo, o Concello da Merca decidiu privarnos diso e prohibir todo tipo de actividade cultural dentro das súas lindes, aínda co compromiso desta asociación de veciños para aplicar as máis estritas medidas de seguridade e hixiene previstas na lexislación vixente, que estaban reflexadas no plan hixiénico-sanitario que se presentou para obter o permiso que finalmente nos denegaron.
Así, mentres noutras localidades limítrofes, o propio concello asumiu o papel de dinamizador cultural para achegar algo de ledicia ós seus veciños coas medidas sanitarias estipuladas na lexislación vixente, aquí optouse polo inmobilismo máis absoluto e pola prohibición, todo ilo sen establecer nin o máis mínimo diálogo (a excepción dun concelleiro) coa directiva dunha asociación de veciños que leva máis de 27 anos traballando pola súa parroquia dun xeito totalmente neutral e apolítico, servindo soamente ós intereses dos veciños e veciñas que representamos.
Polo tanto, e aínda que respectamos e acatamos a decisión tomada pola alcaldía suspendendo toda a programación cultural prevista, non significa que teñamos que estar de acordo con ela, pois cremos que coa mesma crearon un agravio comparativo dos habitantes da Merca con respecto ós habitantes doutros concellos limítrofes, e obrigaron ós veciños e veciñas deste municipio a desprezarse a outros lugares para poder gozar de alternativas culturais en condicións seguras.
E o certo é, que por moito que este concello decida prohibir toda actividade cultural alegando a imposibilidade de controlar eventos ou a que a acumulación de persoas supón un risco de contaxio, se noutros sitios si se organizan (por que a normativa da Xunta de Galicia o ampara) e a xente pode desprazarse (existe liberdade de movementos), o único obxectivo que se alcanzou foi eximirse de calquera tipo de responsabilidade ou traballo, pero o problema segue existindo igualmente.
Pois ben, a pesares de todo, algúns veciños e veciñas con arranque e decisión decidiron saír a dar a alborada o sábado, 8 de agosto, tirando da percusión máis enxebre (latas, sachas, pandeiretas, ...) e obviamente respectando as distancias e medidas sanitarias facendo uso da súa correspondente máscara. Tamén o domingo, 9 de agosto, e grazas ó arroxo e bo humor o noso veciño Bieito Blanco deuse a alborada cun altofalante dende o coche percorrendo os distintos pobos e rúas da parroquia. Dende aquí non podemos que amosar o noso máis profundo agradecemento a estes veciños por tan nobres actos.
Como din por aí, este ano xa vai alá, pero o vindeiro ano volveremos cunhas festas por todo o alto e non cesaremos no noso empeño de que a parroquia de Zarracós poida gozar unha vez ó ano da súa celebración máis enxebre: A festa na honra á Virxe das Neves.
Finalmente, non queremos despedir este artigo sen expresar o noso máis profundo agradecemento a todos os artistas e axencias que se viron implicadas neste problema e que, por desgraza, lle tivemos que cancelar as actuacións: Charanga BCB, Charanga Castro Bello, Ourenlú Quartet, Grupo de Acordeóns Bieito Blanco, Xan Veiga, Alberte Montes, Hermanager Producións, Rubén Espectáculos, Orquestra Anduriña e Orquestra Alianza.
Artigo asinado por José Manuel Taín Vilanova (Secretario da asociación)
11 de Agosto do 2020