Esta foi a primeira xuntanza para andar dunha serie de pequenas andainas pola zona
O pasado domingo, día 4 de outubro do 2020, tiña lugar a I Xuntanza Para Andar Terras da Broa, que nesta ocasión consistía nunha ruta circular, duns 9 quilómetros de lonxitude, con punto de inicio e de fin no campo da festa de Zarracós.
Así, e aínda que a meteoroloxía e as condicións sanitarias minguaron un pouco a asistencia, aquela xente valente que se atreveu a desafialo todo para asistir, puido gozar dunha fantástica mañá camiñando nun entorno natural espectacular e rodeado dun patrimonio realmente excepcional, aínda que non sempre xustamente valorado: a aldea abandonada da Ponte Ermida, o pobo de Cobas do Río (un dos poucos núcleos singulares do concello cunha arquitectura tradicional admirable), a fonte do Pingüelo (unha descoñecida para moitos, pero que sorprende pola beleza do lugar), a fontela da Fraga, soutos centenarios, carballeiras, carreiros, canellas, camiños, o val do Arnoia,...
Esta foi unha pequena “experiencia piloto” que agardamos que sexa o punto de partida doutras moitas xuntanzas para andar e doutras moitas ideas que permitan revitalizar e por de novo en valor a zona da Broa, facendo partícipes desta idea e deste obxectivo común a todas aquelas persoas da zona que así o desexen.
05 de Outubro do 2020