A parroquia de Zarracós entrega ó Banco de Alimentos de Ourense unha cifra récord de comida

Nun ano tan complicado a colaboración dos veciños e veciños foi aínda máis excepcional que en edicións anteriores

A parroquia de Zarracós entrega ó Banco de Alimentos de Ourense unha cifra récord de comida

Como ben é sabido por todos, este ano está sendo realmente duro debido á pandemia mundial ocasionada polo Coronavirus e que está provocando unha crise económica sen precedentes e que fai que moitas familias atravesen unha situación verdadeiramente complicada, tendo que acudir a diferente organizacións benéficas para poder comer.

Dende logo, esta situación non pasou en absoluto desapercibida para os veciños e veciñas da parroquia  de Zarracós (e arredores), que souberon estar a altura da situación, e que colaboraron aínda máis ca outros anos se cabe (que xa é dicir) coa campaña “Ante a adversidade, solidariedade” promovida pola asociación de veciños e pola parroquia.

Así, esta semana entregouse ó Banco de Alimentos de Ourense unha importantísima cantidade de alimentos, e aínda que non temos o peso exacto debido a que están desbordados nesta ONG, podemos afirmar que a cifra é superior á do ano pasado, que xa fora de 312 quilos, algo realmente excepcional, sobre todo tendo en conta o reducido tamaño da nosa parroquia.

Dende aquí non podemos máis que sentirnos orgullos de formar parte desta gran parroquia, e como non, expresar a nosa profunda gratitude a todas aquelas persoas que se animaron a achegar o seu gran de area. Tamén, non queremos deixar pasar a ocasión sen agradecer a extraordinaria labor social que realizan de xeito totalmente altruísta os centos de voluntarios que todos os días colaboran con distintas ONGs, coma neste caso, o Bancos de Alimentos de Ourense.

Non temos un reconto exacto dos alimentos entregados pero si podemos darvos algúns datos:  máis de 105 litros de leite, máis de 55 litros de aceite, leite en po infantil, máis de 20 botes de cacao en po, máis de 40 paquetes de galletas, potitos, cereais, legumes, conservas, pastas, turrón,....

17 de Decembro do 2020




Destacamos