A música volveu soar por todos os canellóns para achegar ledicia e bo humor á veciñanza
Antes de comezar a esbozar estas liñas gustaríanos transmitir o noso máis sentido e profundo agradecemento a Antonio Gómez, Ana, Antonio Rodríguez, Nuria, Julita, Maricarmen, Vilanova e Marina. Sen a súa inmensa colaboración non houbese sido posible gozar da alborada este ano, pois o imprevisto que se nos presentou o venres pola mañá, a piques estivo de tirar por terra todo o esforzo dos últimos meses.
Así, despois dun ano forzado de “barbeito” a música volveu soar polas rúas da parroquia da man de dúas grandes charangas como son a BCB e a Alambique, que sen dúbida souberon contaxiar de alegría e optimismo as xentes desta nosa parroquia, unha recompensa ben merecida despois de case que dous anos de pandemia nos que a tristeza e a apatía nos foron invadindo pouco a pouco.
O sábado, día 7 de agosto, a encargada de amenizar o pasarrúas foi a Charanga BCB de Celanova, que como ben sabedes son xa un clásico nas nosas festas pois dende a súa fundación levan participado sempre delas, e non é ningunha casualidade pois o seu bo facer non deixa indiferente a ninguén ano tras ano.
O domingo, día 8 de agosto, sería a quenda para a Charanga Alambique de Pontevedra que este ano debutaba nas nosas festas e que estamos máis que seguros que non defraudou a tenor da gran cantidade de comentarios positivos recibidos.
Sabemos que non foi unha “festa” como as de sempre, pero cando menos foron dous días algo distintos nos que puidemos recuperar un pouco a vitalidade e alegría perdida nestes últimos meses, que boa falta facía.
Dende a asociación de veciños non podemos máis que agradecer a enorme colaboración dos veciños e veciñas da parroquia para poder levar a cabo esta actividade, pois unha vez máis fixeron gala da súa enorme implicación en todos os sensos, demostrando que unha parroquia unida sempre funciona e sae adiante.
A continuación deixámosvos o unha galería fotográfica e unha lista de reprodución de vídeos. Ámbalas dúas elaboradas co material cedido por Nuria e Ana, ás que lle damos as grazas encarecidamente!
Galería fotográfica Alborada Zarracós 2021
10 de Agosto do 2021