Dende o 1 ata o 15 de decembro recolleremos alimentos para o Bancos de Alimentos de Ourense
Durante os seis anos precedentes e grazas a enorme xenerosidade de toda veciñanza, fomos capaces de entregar ó Banco de Alimentos de Ourense e a outras entidades como Cáritas Ourense máis de 300 quilogramos de alimentos cada ano.
Nos últimos tempos e debido á enorme necesidade alimentaria provocada polo COVID-19 e a crise enerxética faise necesaria, máis ca nunca, a inmensa solidariedade de todas aquelas persoas que poidan achegar o seu gran de area (neste caso en forma de comida), por iso dende a asociación mantemos o noso compromiso anual e iniciamos a sétima edición da campaña "Ante a adversidade, solidariedade" coa que en colaboración co noso párroco Don Miguel Blanco recolleremos alimentos para doar ó Banco de Alimentos de Ourense dende o 1 ata o 15 de decembro do 2021.
Dende a ONG infórmannos que o que máis necesitan nestes intres son: leite, aceite, galletas, cacao en polvo, alimentos infantís (potitos, papillas, leite en po,...), conservas de pescado e produtos de nadal, pero tamén serán ben recibidos calquera tipo de alimento non perecedoiro.
Aínda que a data máxima para a recollida de alimentos está establecida o día 15 de decembro de 2021, aconsellamos non deixalo para o último momento, dado que nestes derradeiros meses do ano no Banco de Alimentos teñen moitísimo traballo e as veces para poder organizarse recollen un pouco antes do previsto nun inicio.
09 de Novembro do 2021