O magosto da parroquia de Zarracós na súa edición de 2021 foi o esperado reencontro da veciñanza

Unha celebración menos concorrida que noutras ocasións pero que “prestou moito” a todos aqueles que se animaron a participar

 

O magosto da parroquia de Zarracós na súa edición de 2021 foi  o esperado reencontro da veciñanza
O magosto da parroquia de Zarracós na súa edición de 2021 foi  o esperado reencontro da veciñanza

O magosto da parroquia de Zarracós na súa edición de 2021 foi  o esperado reencontro da veciñanza
O magosto da parroquia de Zarracós na súa edición de 2021 foi  o esperado reencontro da veciñanza

Despois de case que dous anos sen ningún tipo de reunión había bastantes ganas de xuntarse un pouco, de falar cos veciños, de volver á normalidade con sentidiño e iso notouse dende o primeiro momento no ambiente do Magosto deste ano 2021. Quizais, o menos multitudinario dende que esta asociación de veciños ten a gran honra de organizalo, apenas 80 persoas, pero a frase máis repetida entre todas aquelas que se animaron a participar era “o que nos  está prestando esta xuntanza”.

Pois ben, aquí comezamos a crónica da XXVII edición do tradicional Magosto de Zarracós, que aínda que este ano foi algo distinto si conservou a esencia das anteriores edicións. Así, un dos símbolos do mesmo sempre foi a gran fogueira e este ano non ía ser menos, por iso, ó longo da semana varios veciños foron carrexando leña ata o campo da festa, polo que o propio día celebración case non foi necesario ir buscar máis, apenas outros dous tractores da leña que Julita e Antonio tiñan acumulada no igrexario e necesitaban queimar.

A mañá do 13 de novembro comezaba con bastante néboa e algo fresca, ó igual que nos días precedentes, pero con uns cantos tractores de leña, a gran fogueira quedaría acesa a iso das once da mañá para xa non apagarse ata o día seguinte, caldeando o ambiente no campo da festa.

De seguido, un grupo de voluntarias e voluntarios irían preparando a comida: cortando as empanadas, os lacóns, o pan, as bicas.... para posteriormente ir distribuíndoa en pratos e logo servila nas oito mesas dispostas debaixo da carpa que se alugou este ano para manter as medidas sanitarias contra o coronavirus. Ó mesmo tempo, outro grupo asou os chourizos e as castañas,  que novamente volveron a ser as estrelas indiscutibles da celebración, sobre todo debido a súa escaseza este outono e pola boa calidade das mesmas.

Este ano, notábase que non había presa por marchar e que a xuntanza estaba prestando ós presentes polo que a sobremesa estivo bastante animada entoando as cancións máis tradicionais do cancioneiro popular, mantendo animadas conversas ou xogando unha partidiña de cartas, cousas que se botaban moito en falta ó longo destes dous anos de pandemia e que debuxaron un pequeno sorriso nos presentes. Tamén, e aproveitando que finalmente abriu o sol moitos optaron por quedar no campo da festa pasando o tempo ata a noitiña, para logo cear a comida sobrante do mediodía divididos en dous grupos, uns no interior do local social (ben ventilado e co medidor do CO2 para controlar a calidade do aire) e outros no exterior ó carón da gran fogueira para estar ó quentiño nunha noite estrelada.

Antes de rematar estes parágrafos, queremos aproveitar a ocasión que nos brinda esta páxina web para expresar o noso agradecemento a todas as persoas que colaboraron activamente na consecución desta festa, pois sen eles, xamais houbese sido posible.

Pulsa para ver a galería fotográfica Magosto Zarracós 2021

15 de Novembro do 2021




Destacamos