A parroquia de Zarracós entregou 462 quilos de alimentos ó Banco de Alimentos de Ourense

Unha gran mostra de solidariedade dos veciños da parroquia e doutros lugares da Broa  que permitiron doar unha cantidade de comida excepcional

A parroquia de Zarracós entregou 462 quilos de alimentos ó Banco de Alimentos de Ourense

A crise do Coronavirus estase prologando demasiado no tempo e está provocando tremendas desigualdades na sociedade o que fai que moitas familias atravesen unha situación verdadeiramente complicada, tendo que acudir a diferentes organizacións benéficas para poder comer cada día.

Novamente, esta situación non pasou en absoluto desapercibida para os veciños e veciñas da parroquia  de Zarracós, así como dos arredores, que souberon estar á altura da situación, e que colaboraron aínda máis ca outros anos se cabe (que xa é dicir) coa campaña “Ante a adversidade, solidariedade” promovida pola asociación de veciños e pola parroquia.

Así, o pasado xoves entregouse ó Banco de Alimentos de Ourense unha gran cantidade de alimentos, nada máis e nada menos 462 quilos, unha cifra realmente excepcional, sobre todo tendo en conta o reducido tamaño da nosa parroquia.

Dende aquí non podemos máis que sentirnos orgullos de formar parte desta gran parroquia e desta gran zona (A Broa), e como non, expresar a nosa profunda gratitude a todas aquelas persoas que se animaron a achegar o seu gran de area. Tamén, non queremos deixar pasar a ocasión sen agradecer a extraordinaria labor social que realizan de xeito totalmente altruísta os centos de voluntarios que todos os días colaboran con distintas ONGs, coma neste caso, o Bancos de Alimentos de Ourense.

Non temos un reconto exacto dos alimentos entregados pero si podemos darvos algúns datos:  máis de 110 litros de leite, máis de 45 litros de aceite, leite en po infantil, máis de 20 botes de cacao en po, máis de 40 paquetes de galletas, máis de 70 paquetes de pasta, potitos, cereais, arroz, produtos de hixiene, legumes, conservas , turrón, embutidos, ....

Mil grazas pola vosa enorme colaboración!!!!

 

20 de Decembro do 2021




Destacamos