A cita musical tivo lugar pasado domingo, día 26 de decembro, do 2021
Despois dun ano de obrigada pausa, o concerto de fin de ano regresou á Igrexa Parroquial de San Andrés de Zarracós cun formato bastante máis íntimo e con moito menos público que nas anteriores ocasións para respectar ó máximo as medidas sanitarias contra o coronavirus, pero aínda así e a pesar de todos os pesares, a cita musical conservou toda a súa esencia e aledou un pouco estas datas a todas aquelas persoas que se animaron a asistir, retirando de xeito previo a correspondente invitación, posto que o aforo estaba limitado ó 60%.
Polo presbiterio da igrexa parroquial, foron pasando un importante elenco de artistas profesionais e non tan profesionais, sendo os primeiros en subir ó improvisado e solemne escenario os alumnos e alumnas do curso de pandeireta e canto tradicional de Zarracós, que interpretaron cinco cancións: “Canto de reis”, “Maneo de Santa Margarida”, “Muíñeira da Xirarga”,”Pasodobre das Cortellas” e un “Manuel” (Pezas tradicionais que se cantaban antigamente polas rúas para felicitar ós Manueles e Manuelas no ano novo e de paso tomarlle unha copiña a súa saúde).
De seguido, chegou a quenda para o gran mestre do acordeón Bieito Blanco, que interpretou unha “Selección de tangos” de xeito maxistral.
A continuación, o presentador da gala e gran tenor Baldomero Pavón deleitou ós presentes coa súa extraordinaria voz cantando tres cancións: “Canción para o Nadal” (de composición propia), “Pombiña mensaxeira” e “Non ti scordar de mi”.
Xa no ecuador do concerto chegou o momento para a gran orquestra de acordeóns da Escola de Música Bieito Blanco que interpretou catro cancións: “Coro de esclavos”, “Boleros”, “Fernando (ABBA)” e “Yo quiero ser marinero”.
Logo sería a quenda para os solistas, onde Alis Vázquez cantou o tema “Siempre es Navidad junto a ti” de Edurne, Iván Pérez (Recanto do Luar por Ourense Sur) interpretou “El niño del tambor” na versión do mexicano Carlos Rivera e Marta Justo puxo o toque “sofisticado” coa súa versión de “Snowman” de Nia.
Este ano por cuestións de aforo e demais problemas derivados da pandemia non puidemos contar coa presenza da Coral Cantares do Miño de Velle, pero coma sempre, os encargados de por o broche de ouro ó concerto foron os compoñentes da Charanga BCB de Celanova, que novamente foron capaces de levantar a todo o público dos seus asentos, interpretando tres panxoliñas: “Hacia Belén va una burra”, “Blanca Navidad” e “Feliz Navidad”, para logo ter que facer varios bises despois da exacerbada ovación do respectable: “Mix de rumbas”,”Volver volver” e “Mix de Nino Bravo”.
Dende a Asociación de Veciños non nos queda máis que dar as grazas a todas aquelas persoas que fixeron posible un Concerto de Nadal tan agardado, a todos os artistas que de xeito totalmente altruísta participaron desta iniciativa, e como non, dun de xeito moi especial a Bieito Blanco, a Cristina Calle (Profesora de pandeireta) e ós integrantes da Charanga BCB, e por suposto, tamén agradecer a presenza do fantástico público que se citou na igrexa parroquial de Zarracós un ano máis, sendo capaces de respectar rigorosamente as medidas sanitarias.
Aquí deixamos os vídeos de todas as actuacións para que poidades revivir este gran concerto:
Premendo no seguinte enlace podedes acceder a unha extensa galería fotográfica do evento musical
Pulsa aquí para acceder a Galería Fotográfica do Concerto de Fin de Ano 2021
27 de Decembro do 2021