Novo contedor azul para reciclaxe do papel e do cartón

Está situado ó carón do campo da festa de Zarracós

Novo contedor azul para reciclaxe do papel e do cartón
Novo contedor azul para reciclaxe do papel e do cartón

Esta semana a Mancomunidade Terra de Celanova e O Concello da Merca atendían a solicitude realizada dende esta asociación de veciños (a raíz da demanda formulada por algún dos socios na última asemblea xeral celebrada), e procedían á colocación dun contedor azul para a reciclaxe do papel e do cartón nas inmediacións do campo da festa de Zarracós.

A sensibilización medioambiental e a loita contra o cambio climático son aspectos que cada vez teñen máis calado na sociedade actual, é por iso que moitos cidadáns consideran de vital importancia a reciclaxe de todo aquilo que sexa susceptible de ser aproveitado de novo, dando lugar a unha economía circular.

Neste senso, varios veciños/as desta parroquia tíñannos manifestado a súa inquedanza pola total ausencia de contedores para a reciclaxe de papel ou cartón en toda a nosa contorna. Tanto é así, que os contedores máis próximos deste tipo atopábanse a uns 10 quilómetros da nosa parroquia (A Merca, Allariz, Celanova,...), algo que dificulta enormemente a reciclaxe deste tipo de material.

No chamado Colector Azul é onde os cidadáns deben depositar o papel e o cartón. Imos ver algúns exemplos para un depósito correcto:

  • Xornais, libros e revistas.
  • Folios, sobres, cadernos (sen argolas, grampas nin arames).
  • Bolsas de papel
  • Papel de envolver, de embalar.
  • Caixas e envases de cartón.
  • Cartóns de ovos.
  • Acolchado de embalaxes (cando sexa de papel ou cartón).
  • Folletos de publicidade

Porén, é moi importante lembrar que os papeis de calco, os cartóns de leite, de zume e viño, así como o papel e cartón con restos de graxa non deben introducirse neste colector, xa que dificultan unha posterior reciclaxe.

Axunto con este artigo deixámosvos un pequeno cartel no que se ilustra que materiais son válidos e que materiais son inválidos para depositar no contedor azul.

 

16 de Xaneiro do 2022




Destacamos