Unhas pequenas pinceladas de realidade
Despois de dous anos sen unhas festa ó uso, dende a asociación de veciños xa comezamos a traballar para facer posible o regreso dunhas festas como as de sempre, que permitan gozar á veciñanza duns días de alegría e bo ambiente en harmonía.
Estes dous últimos anos foron realmente duros e escuros para todo o mundo, pero para a industria cultural e da verbena aínda máis se cabe, pois foi un dos sectores máis afectados con dous anos de nulo traballo o que produciu unha forte transformación do sector, facendo que moitos profesionais se buscasen a vida noutros ámbitos laborais e desencadeando a desaparición de multitude de formacións musicais, por citar algúns nomes: Fin de Siglo, Ritmo Noche, Brujas, Nebraska, Anduriña, Espiga, Ceniza, Costa Blanca, Compostela, Emperadores, Essencia, Gran Casino, Huracán, Ibiza, Israel, La Estación, La Potencia, Los Trovadores, Mar Azul, Paraíso, Superfama, D`Moda, Limón, Nevada,...
O mercado actual mudou por completo, soamente sobreviviron algúns dúos, tríos e cuartetos ou grandes e medianas formacións musicais sobradamente coñecidas por todos: Panorama, Paris de Noia, El Combo Dominicano, Los Satélites, Cinema, La Fórmula, Marbella, Fania Blanco Show, La Oca Band, Los Españoles, Olympus, Miramar, Costa Dorada, Panamá, Assia, América de Vigo, Claxxon ... que non están ó alcance económico de parroquias tan humildes como a nosa sen facer un alarde de loucura que non tería nin o máis mínimo sentido.
Neste contexto tan cambiante e a piques de comezar o verán, estase producindo unha auténtica explosión de festas en Galicia e por conseguinte, un importante aumento da demanda de formacións musicais, que xa non son suficientes para cubrir toda canta celebración se organiza nesta nosa terra e isto está provocando unha suba xeral de prezos (ó que tamén hai que sumarlle o impacto derivado da Guerra de Ucraína).
Afortunadamente e debido a que afrontamos as festas coa suficiente antelación, puidemos facernos cos servizos do grupo Alma Latina, orquestra D’Noche, charanga BCB e charanga Alambique o que fará que poidamos gozar dunha festa moi similar a de 2019, pero para iso tivemos que incrementar o gasto ó redor dun 25%.
En consecuencia, somos sabedores de que vai ser practicamente imposible cubrir o orzamento co que recademos este ano, posto que optamos por manter a cota conxelada en 80€ (leva máis de 20 anos neste importe), pero o remanente da celebración do ano pasado permitirá sacar adiante as celebracións sen un elevado endebedamento (ou iso esperamos).
De cara a un futuro, suponse que esta situación será temporal e a medida que se vaia estabilizando de novo o sector da verbena e das festas irán aparecendo novas formacións que poidan amenizar festas tan “humildes” como as nosas a custes máis moderados, pero isto soamente é teoría. O máis seguro é que teñamos que darlle unha volta as nosas festas e cambiarlle o formato dalgún xeito para garantir a súa supervivencia no tempo, pois a crise demográfica do rural e a crise económica póñeno realmente difícil.
Polo momento, este ano temos festa rachada asegurada, iso si, dende a asociación animámosvos a colaborar na medida das vosas posibilidades mercando papeletas para o sorteo dos 300€ ou achegando algún donativo... facéndonos responsables de que non malgastaremos nada do recadado.
Como ben salientamos nos parágrafos anteriores, a parte económica é unha parte moi indispensable, pero tamén vos animamos a arrimar o ombreiro na organización co voso traballo, pois cada vez é máis complicado que as mesmas persoas se fagan sempre cargo de todo unha e outra e outra vez, sacrificando unha inxente cantidade de tempo libre, de recursos propios e de traballo que poucas veces se ve recoñecida.
Longa vida para a Festa das Neves!!!
25 de Maio do 2022