Ó longo da semana pasada a brigada de obras do Concello da Merca executou diversas operacións de mantemento no Campo da festa de Zarracós atendendo así sendas demandas realizadas por esta asociación de veciños.
Por unha banda procederon a vernizar de novo os pasamáns das escaleiras de acceso ó campo e os catro bancos de madeira instalados na ladeira inferior deste espazo público, pois xa pasaron máis de tres anos dende a súa instalación e comezaban a presentar mostras de deterioro pola exposición ás inclemencias meteorolóxicas.
Por outra banda tamén moveron de lugar dous dos elementos que forman parte do parque biosauble para aliñalos co balado da parte inferior. Esta é unha obra que se aprobou en asemblea xeral e que foi presentada ó concello hai máis de dous anos, a motivación da mesma non é outra que a de gañar espazo útil (máis de 120 metros cadrados) e mellorar o acceso ó campo pola pista da granxa, algo moi necesario agora que se mudou de sentido a celebración da festa das Neves o que fai que ese lugar sexa o único dispoñible para que os feirantes poidan instalar as súas atraccións.
En definitiva, dúas pequenas actuacións que seguen mellorando un dos “mellores” espazos públicos da contorna, que ademais é amplamente usado pola veciñanza. Soamente nos queda agradecer ó concello a súa implicación.
30 de Maio do 2022