Monólogo de Alberte Montes: Galego pode selo calquera...

Campo da festa de Zarracós, mércores 10 de agosto do 2022, ás 22.30h. Entrada libre

Monólogo de Alberte Montes: Galego pode selo calquera...

Despois de vernos obrigadoas a cancelar a súa actuación nos anos 2020 e 2021, será neste 2022 cando o actor, guionista e humorista Alberte Montes visite o campo da festa de Zarracós para facernos rir co seu monólogo: “Galego pode selo calquera....”. Será o mércores, día 10 de agosto, ó remate da primeira xornada da IV Olimpíada Rural da Broa, máis ou menos a iso das 22.30h e como sempre a entrada será de balde.

Alberte Montes chega a Zarracós da man de Hermanager Producións, empresa especializada en management de artistas e distribución de espectáculos de pequeno formato.

Que por certo, tamén teremos servizo de bar a cargo de Bar Tito de Villavidal, así que ide apuntade a cita no voso calendario.

Sinopse do espectáculo

Ser galego é doado? Depende. Os galegos temos un xeito de ser característico e diferenciado doutros pobos e culturas que nos rodean. Historicamente teñen empregado os tópicos para ridiculizarnos e mofarse de nós, feito que explicaría en parte que arrastremos algo de auto xenreira. Eses tempos foron pasando e agora xa somos quen de defendernos con orgullo dese estigma combatendo aos ignorantes, ríndonos dos propios defectos e chufando das nosas diferenzas.

Ata non hai moito pensábase que a baixa auto estima dos galegos era crónica pero Alberte Montes demostraranos dende o humor que non é así. Este mal ten cura e poderedes comprobalo. Ser galego non é só pararse na escaleira e facer crer á xente que non sabemos se subimos ou baixamos, para ser galego hai que reunir moitas máis aptitudes. 

Sobre Alberte Montes 

ALBERTE MONTES é actor e cómico.

Formado no Estudi Nancy Tuñón i Jordi Oliver de Barcelona, segue ampliando os seus recursos actorais en distintos cursos de expresión corporal, voz, cásting, clown ou loita escénica.

En teatro acumula máis de quince anos como profesional, tendo xirado por España en compañía e con espectáculos propios de stand up comedy.

Como cómico conta preto de 1.000 actuacións en directo e dous monólogos gravados para CENTRAL DE CÓMICOS, programa de Comedy Central. Ten actuado xunto a cómicos coma Ignatius, Toni Moog ou Carlos Blanco.

Colaborou en programas de humor como BUENAS NOCHES Y BUENAFUENTE ou EN EL AIRE de El Terrat, e outros da TVG, entre os que destacan, LAND ROBER ou LUAR.

Na súa faceta de colaborador e reporteiro participou dos programas LOS LUNES AL GOL e LOS INFILTRADOS ámbolos dous da canle Gol TV.

Como actor participou recentemente en BIRD BOX, película de Álex e David Pastor. Púidoselle ver tamén noutras como EL OLIVO de Icíar Bollaín ou REC 4 de Jaume Balagueró.

Na Televisión de Galicia protagonizou as series de comedia DO DEREITO E DO REVÉS e AUGASQUENTES. Interveu ademais en VIDA PERFECTA ou MATAR AL PADRE, ámbalas dúas de Movistar+.

Actualmente forma parte do elenco de EL PUEBLO (Amazon/Telecinco) e foi un dos protagonistas de FARIÑA (Netflix/Antena3).

É tamén guionista, director e locutor.

Videobook

22 de Xuño do 2022




Destacamos