Festa do San Ceriz 2010

Máis de 115 persoas se deron cita para degustar un bo menú

O pasado Sábado,día 19 de Xuño, tiña lugar a xa tradicional Festa na honra a San Ceriz coincidindo coa festividade de dito santo (16 de Xuño). Unha festa que se consolida ano tras ano e que este ano contou cunha participación extraordinaria, xa que máis de 115 persoas se deron cita no campo da Festa de Zarracós para degustar un bo menú "á feira".

O día festivo comezaba sobre as 12.30 cos actos relixiosos correspondentes, unha pequena procesión polo camposanto seguida dunha misa solemne oficiada polo actual cura da parroquia, Don Camilo.

Unha vez rematados os oficios relixiosos todos aqueles que se apuntaron ,previo pago dos 21 euros correspondentes, dirixíronse ó campo da festa de Zarracós para dar boa conta dunha tradicional comida "á feira" : empanada, polvo, carne ó caldeiro con patacas, bica, café e como non bo viño branco e tinto e pan de cea. Un completo menú que fixo as delicias de todos aqueles que asistimos a esta gran festa.

E claro, unha vez rematada a comida en si, tocaba troulear, era así o turno dos membros da  Charanga as Neves,  que nos deleitaron interpretando os grandes clásicos que non poden faltar en calquera festa que se precie en Zarracós.

Tras facela dixestión bailando, cantando e trouleando, era momento para celebrar o I TORNEO DE CHAVE DE SAN CERIZ no que se deron cita máis de 50 participantes.

Sin lugar a dúbidas un completo día, que reuniu a todos os veciños en torno a unha mesa, non só para disfrutar da boa comida e da boa bebida senón para polo menos unha vez o ano reunirse en irmandade e disfrutar da boa compaña e da festa!!!

Dende a Asociación de Veciños queremos dar as gracias a todos aqueles que participastes nesta festa, esperando que fose do agrado de todos vos!

Queda a disposición de todos vos unha nova enquisa na que poderedes valorar esta Festa.

 

20 de Xuño do 2010




Destacamos