A festa das Neves volveu para darlle vida á parroquia de Zarracós neste 2022

Celebrada os días 4,5,6 e 7 de agosto de 2022

 

A festa das Neves volveu para darlle vida á parroquia de Zarracós neste 2022

Despois de dous anos “pandémicos” bastante nefastos para a vida social e comunitaria este ano a Festa das Neves de Zarracós volveu ser a de sempre e volveu para darlle de novo vida á nosa parroquia, así os pasados días 4, 5, 6  e 7 de agosto do 2022 tiñan lugar estes festexos populares e xa van por 29 anos consecutivos de troula, que se din pronto.

Este ano non houbo queixa pola meteoroloxía, e como se soe dicir, quentou bastante ben  durante toda a fin de semana, ofrecendo unhas temperaturas bastante altas que permitiron gozar da celebración en toda a súa plenitude.

Así, o venres día 5 de agosto, e por segundo ano no que vai de século a procesión da Virxe das Neves volveu ir ó centro do pobo, á praza do Campo, acompañada por numerosos veciños e veciñas e como non, polo San Ceriz. Durante a xornada previa, varias persoas engalanaron a praza cun arco de flores e con colchas tecidas a man, tal e como se facía antigamente.

Despois de tomarlle un vermú no campo da festa e comer copiosamente, pola tarde sería o momento dos tradicionais xogos infantís, que un ano máis fixeron as delicias dos máis pequenos da parroquia e dos pobos da contorna, ata 25 cativos se animaron a participar e abofé que se divertiron ó enfrontarse ás diversas probas e xogos de auga, para finalmente ver recompensado o seu esforzo cunha gran choiva de lambetadas e entrega de medallas.

Unha vez  rematados os xogos infantís tocou facer un pequeno receso e ir cear para posteriormente escoitar ó gran GRUPO DE ACORDEÓNS BIEITO BLANCO,  que continuando coa senda iniciada no ano 2019 realizou o seu concerto nun único pase de hora media de duración. Foi numeroso o público que se achegou ata o campo da festa para gozar do bo facer destes grandísimos músicos que paseniñamente foron interpretando o seu renovado, amplo e variado repertorio, recibindo sempre o agarimoso aplauso do respectable. Como broche final, o gran tenor Baldomero Pavón (membro do grupo) tamén se animou a cantar uns temas acompañado polo gran mestre Bieito Blanco ó acordeón.

Antes de continuar fiando palabras neste artigo queremos expresar o noso especial agradecemento ós compoñentes do Grupo de Acordeóns Bieito Blanco e a Bieito Blanco pola súa implicación con estas festas e por cedernos de xeito altruísta o seu equipo de ,mil grazas!!!!

Unha vez finalizado o concerto de acordeóns, sería a oportunidade dos cantantes noveis da parroquia e da contorna que se atreveron a cantar no tradicional karaoke, que ano tras ano vai subindo de nivel (ou non, depende ;D).

O día 6 pola maña, sería a CHARANGA ALAMBIQUE (de Meis - Pontevedra) a encargada de animar as rúas da parroquia coa súa música, así como, de acompañar a procesión ó redor da igrexa e amenizar a sesión vermú no campo da festa, e sen lugar a ningunha dúbida a súa segunda actuación na nosa parroquia non defraudou: traballadores, trouleiros, animados e grandes músicos.

Despois de repousar o xantar e de durmir unha pequena sesta (aqueles que puideron), chegou o momento para o deporte, en concreto para o fútbol sala. Este ano fixéronse dous partidos, un ás 19.00 horas para os máis cativos e outro ás 20.00 horas para os máis veteranos. No primeiro proclamouse gañador o equipo laranxa, mentres que no segundo proclamáronse gañadores os “solteiros” ou “xuvenís”, polo que cabe destacar o importante papel  que comezan a tomar as novas xeracións da parroquia e que sen dúbida lle confire a esta tradición unha longa vida.

Pola noite, a iso das 22.45 horas sería a quenda do GRUPO ALMA LATINA (de Cervo - Lugo), unha agrupación cunha montaxe máis ben humilde, pero que nunha noite con temperaturas perfectas para ir de verbena soupo facer bailar ó público co seu repertorio de música de baile en directo, sempre animando o torreiro á pe de campo.

Despois de trasnoitar un “pouquiño” o sábado, o domingo tocaba madrugar de novo para percorrer os distintos pobos da parroquia coa CHARANGA BCB (de Celanova), unha agrupación fixa nas nosas festas, pero que nunca pode faltar debido a súa gran calidade humana e musical. Coma sempre aledaron a todos os veciños na alborada e logo tocaron a procesión ó redor da igrexa e cantaron a misa, como so eles saben facer. Seguidamente tocarían unhas “pezas” no campo da festa para animar a sesión vermú.

Polo tarde, tería de novo lugar o xa máis que tradicional Torneo de Chave, que este ano contou cunha escasa participación: 19 xogadores  e no que se proclamou gañador Rubén Samperio, e xa van 4 vitorias nos últimos anos, so interrompidas pola vitoria de  David de Pereira de Montes no ano 2019.

Unha vez rematado o torneo de chave e tras unha brevísima pausa para cear, a iso das 22.00 horas, tocaba gozar coa actuación da ORQUESTRA D`NOCHE (de Sanxenxo), que a raíz de traballar e traballar e traballar... conseguiron que todo o público se acercase ó seu escenario e gozase da súa música e do seu bo humor. Unha vez rematada a actuación desta gran formación pontevedresa, Bieito Blanco co seu acordeón puña o broche final ás festas do reencontro amenizando a queimada popular de fin de festa.

Referente ó sorteo, os 200€ foron parar ó peto de José Antonio de Forxás  dos Montes, mentres que 100 € foron parar ó peto de Ana Nóvoa Rodríguez de Zarracós, o lote da Tenda do Pepiño foi para Manuel Fernández Taín de Málaga e o premio de consolación, o lote de Queixos Feijoo foi nesta ocasión para a Pepita do Bar de Corvillón. Pode parecer “estraño” que os premios recaian moitas veces nas mesmas persoas, pero son da xente que máis colabora mercando papeletas, polo que é normal. Parabéns a todos eles e como non grazas pola súa excepcional colaboración.

O campionato de Tute disputouse o día 4 de agosto por eliminatorias, contando coa participación de 9 parellas. Javier e Tere proclamáronse gañadores tras impoñerse na final ós segundos clasificados, Manuel Taín e José Manuel Taín. Novamente, este ano a organización decidiu ofrecer unha cea ós participantes composta por: queixo, lacón asado, empanada e pan.

Dende a Asociación de Veciños queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a todas e cada unha das persoas que fixeron posible que as festas de Zarracós se levasen a cabo un ano máis: a Bieito Blanco e ós membros do grupo de acordeóns, a toda a xente que nos mercou rifas tanto para o sorteo do Nadal como para o da festa, a todos os que colaboraron nas distintas tarefas, a todos os socios, a toda a xente que nos axudou a vender rifas, a todos aqueles que participaron nos torneos, a todas aquelas persoas que nos aportaron diñeiro a maiores, ós veciños que botando man do seus instrumentos e das súas voces se prestaron a animar a queimada de fin de festa... grazas a todos e cada un de vos as festas da parroquia de Zarracós volven e resisten un ano máis sendo un exemplo de paz, harmonía e diversión.

Finalmente, soamente queremos pedir unha cousa, que pouco a pouco se vaia implicando xente nova na súa organización e que non se deixe morrer esta festa, pois as forzas dos que neste momento asumimos o maior peso van indo bastante xustas.

Aquí tendes máis de 85 vídeos da festa en calidade HD que reflexan todo o que nela aconteceu.

 

13 de Agosto do 2022




Destacamos