A axuda irá destinada a reformar o local social do palco da música e adquirir equipamento
Despois de moito traballo e de varios intentos errados, por fin podemos comunicar que dende a Asociación de Veciños San Andrés de Zarracós vimos de acadar unha subvención da Xunta de Galicia por valor de 16.981,54€ para Reformar e equipar o local social do baixo do palco da música.
Dita axuda divídese en dúas partidas ben diferenciadas, unha destinada a obra en si por un valor de 11.990,29 € e outra destinada a adquisición de equipamento por un valor de 4.991,25 €.
Así, e aínda que a axuda en teoría cubriría o 100% dos custes presentados, como se rexistrou no mes de febreiro antes de que a inflación comezase a desbocarse polo conflito bélico de Ucraína, seguramente sexa necesario asumir uns importantes sobrecustes contra os fondos dos que dispomos neste momento.
A OBRA DO PALCO DA MÚSICA
No que atinxe a obra preténdese mellorar en xeral o estado de conservación deste edificio incidindo na accesibilidade, supresión de barreiras arquitectónicas, reparación da estrutura e da cuberta, ventás, ...
Mellora de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas
Sen dúbida é un dos puntos máis salientables da actuación: a adecuación das entradas ao recinto e do seu aseo sen discriminación para persoas con mobilidade reducida, algo, que nestas asociacións veciñais será unha eiva cada vez maior ao contar o groso dos seus asociados cunha avanzada idade.
Acceso ó local: a entrada ao local social faise por medio dun chanzo de 6-10 cm, polo que será necesaria a construción dunha rampla accesible.
Baño accesible: proxéctase a demolición dos actuais aseos que non cumpre coa normativa de accesibilidade, para dotar a asociación dun aseo accesible para cumprir os postulados dispostos no Decreto 35/2000 de accesibilidade de Galicia.
Mellora e reparación da estrutura e da cuberta do edificio
Estrutura: reforzo do pilar interior que sustenta o palco da música superior, onde se observan varias gretas na lousa de formigón superior.
Cuberta: reparación la soleira do palco da música, co picado do formigón e a substitución da lámina impermeable, colocando de novo a capa de formigón ademais duns remates nos frontais do palco.
Fachadas, ventás, paramentos interiores, pavimento, teito
Carpintaría: xunto coa porta de entrada, substituiranse tamén todas as carpintería exteriores de fiestras da planta terrea posto que as actuais xanelas corredías con marco sen rotura de ponte térmica e de vidro sinxelo están obsoletas e non permiten o illamento térmico do local.
Pintura: O local en planta terrea precisa un par de mans de pintura tanto na sala polivalente como no novo aseo ademais dos seus falsos teitos.
Instalación fontanería, electricidade, saneamento
Fontanería e Saneamento: débese renovar parte da instalación para axeitala á nova distribución do aseo.
Electricidade: débese renovar parte da instalación para axeitala á nova distribución do aseo.
Iluminación: a instalación de iluminación do inmoble na planta terrea mellorarase coa substitución das luminarias LED de baixo consumo en aras de mellorar a súa eficiencia enerxética
O EQUIPAMENTO
No que atinxe a partida destinada ó equipamento vaise realizar unha forte inversión para dotar a asociación de veciños de todo o necesario para realizar calquera tipo de evento ou celebración, neste senso contémplase a adquisición dos seguintes elementos:
A EXECUCIÓN
Dentro da aposta desta asociación de veciños polo comercio local e de proximidade, a obra do palco da música vai ser executada pola empresa Alfesan de Quintela de Leirado, o mobiliario vaise mercar a Suministros Industriales Doniz de Celanova e o material electrónico vaise adquirir en Niotek Soluciones Informáticas de Celanova.
22 de Agosto do 2022