O pasado sábado, día 12 de novembro, máis de125 persoas se animaron a gozar desta celebración popular
O pasado sábado, día 12 de novembro, tiña lugar a XXVIII edición do tradicional magosto da parroquia de Zarracós, unha celebración que volveu recuperar a súa esencia contando cun notable éxito de participación, pois máis de 125 persoas se animaron a asistir a esta festa tan arraigada na nosa parroquia.
E o certo é que o día non puido estar mellor e fixo honra ó refraneiro popular galego cun día realmente solleiro: “O verán de San Martiño son tres días e un pouquiño”. Así, o normal sería madrugar para ir buscar leña ó monte, pero este ano non fixo falta realizar dito traballo, xa que varios veciños foron carrexando tractores de leña ata o campo da festa nos días previos ou no propio día, polo que, con case que cinco viaxes de leña, a gran fogueira acenderíase a iso das once da mañá para xa non apagarse ata o día seguinte.
Unha vez acendido o lume daría inicio unha nova edición do magosto, que despois de dous anos de “pausa” pola pandemia do Covid-19, volveu reunir a toda veciñanza da parroquia consolidando a liña de asistencia dos anos previos á pandemia, algo que nos enche de orgullo e nos da forza para continuar ó ver que nas pequenas parroquias do rural ourensán aínda queda moita vida, soamente se necesitan gañas de pasalo ben e de unirse en irmandade veciñal.
A continuación, varias voluntarias e voluntarios irían preparando a comida: cortando as empanadas, os lacóns, o pan e as bicas, facendo o café, repartindo a bebida e os utensilios para comer.... e outros irían asando os chourizos e as castañas, que novamente volveron a ser as estrelas indiscutibles da celebración, sobre todo debido a súa escaseza no presente outono.
Unha vez co bandullo cheo, tocaba gozar dunha sobremesa que estivo realmente animada grazas o gran mestre do acordeón: Bieito Blanco, que incentivou o espírito máis festeiro dos presentes que non dubidaron en entoar as cancións máis tradicionais do cancioneiro popular e incluso algúns se animaron a bailar unha boa muiñeira ou un agarrado, namentres, outros aproveitaron para xogarlle unha partidiña de cartas ou manter animadas conversas e así facer tempo para cear a gran cantidade de comida que sobrou do mediodía.
Antes de rematar estes parágrafos, queremos aproveitar a ocasión que nos brinda esta páxina web para expresar o noso agradecemento a todas as persoas que colaboraron activamente na consecución desta festa, pois sen eles, xamais houbese sido posible.
14 de Novembro do 2022