O pasado sábado, día 11 de novembro, máis de 125 persoas gozaron desta celebración popular
O pasado sábado, día 11 de novembro, tiña lugar a XXIX edición do tradicional magosto da parroquia de Zarracós, unha celebración, que ano tras ano continúa mantendo o seu poder de convocatoria e que novamente volveu reunir a máis de 125 persoas no campo da festa de Zarracós.
A meteoroloxía, non foi tan favorable como a da pasada edición, e aínda que de cando en vez caia unha pequena chuvascada, puidemos gozar da festa dun xeito bastante aceptable. Así, e como ven sendo costume, o normal houbera sido madrugar para ir buscar leña ó monte, pero este ano non fixo falta, pois varios veciños (aproveitando que non chovía) foron o xoves anterior buscar varios viaxes de leña e outros a título particular tamén aproveitaron para carrexar varios tractores o venres e o propio sábado, polo que, con case que seis viaxes de leña, a gran fogueira acenderíase a iso das dez da mañá para xa non apagarse ata ben entrado o día seguinte.
Unha vez aceso o lume daría inicio de xeito oficial unha nova edición do magosto. Ó longo da mañá, varias voluntarias e voluntarios irían preparando a comida: cortando as empanadas, os lacóns, o pan e as bicas, facendo o café,, repartindo a bebida e os utensilios para comer.... e outros irían colocando mobiliario, montando a carpa, asando os chourizos e as castañas, que novamente volveron a ser as estrelas indiscutibles desta celebración, sobre todo debido a súa calidade, pois aínda que este ano un fungo estragounas bastante, estas estaban realmente sas e deliciosas asadas no musgo dos piñeiros (algo típico do noso magosto).
Unha vez co bandullo ben cheo, tocaba gozar dunha sobremesa que estivo realmente animada grazas as pandeireteiras e pandeireteiros do lugar, que incentivaron o espírito máis festeiro dos presentes que non dubidaron en entoar as cancións máis tradicionais do cancioneiro popular galego e incluso algúns se animaron a bailar unha boa muiñeira ou un agarrado, namentres, outros aproveitaron para xogarlle unha partidiña de cartas ou manter animadas conversas e así facer tempo para cear a gran cantidade de comida que sobrou do mediodía.
Antes de rematar estes parágrafos, queremos aproveitar a ocasión que nos brinda esta páxina web para expresar o noso agradecemento a todas as persoas que colaboraron activamente na consecución desta festa, pois sen eles, xamais houbese sido posible.
14 de Novembro do 2023