Numeroso público gozou desta nova cita musical tivo lugar pasado sábado, día 30 de decembro.
O Concerto de Nadal comeza a ser un evento consolidado e con certa tradición popular na nosa zona, polo que a igrexa parroquial de San Andrés de Zarracós volveuse ateigar de numeroso público da contorna disposto a gozar desta entrañable gala musical, algo que sen dúbida, nos enche de orgullo, pois completar o aforo dunha igrexa do rural galego para algo que non sexa un enterro é un feito verdadeiramente excepcional nos tempos que corren.
Así, polo presbiterio dunha igrexa parroquial ateigada de público para tal ocasión, foron pasando un importante e variado elenco de artistas profesionais e non tan profesionais. Os primeiros en subir ó improvisado e solemne escenario foron os alumnos e alumnas do curso de pandeireta e canto tradicional de Zarracós co grupo de baile BailaBroa que ben vestidos para ocasión (incluso con corozas), se encargaron de darlle lustre ás ferreñas, ás sachas e ós zocos interpretando e bailando seis cancións: “Licencia de Zarracós”, “Xota de Toutón”, “Muiñeira de Zobra”, “Pasodobre da Resalada”, “Añas de Aboal” e “despedida dos Reis de Zarracós”.
A continuación, sería a quenda para as pianistas. Así Olga Martín interpretou “Idea 10”, Lucía Rodríguez tocou “Comptine dùn autre été” e para finalizar a artista local Maricarmen Peña interpretou “La La Land”. Seguirían os violinistas Joenny de Luna e Alexander con “El hada de azúcar”.
Xa no ecuador do concerto, chegaría o momento dos e das cantantes, primeiro o gran tenor Baldomero Pavón deleitou ós presentes coa súa extraordinaria voz cantando: “Un compromiso” e “Veinte años”. En segundo lugar Alis Vázquez deleitaría ó respectable coa canción “So this is Christmas” e finalizaría maxistralmente o bloque de canto Marta Justo coa canción “All I want for chritsmas is you”.
De seguido chegaría un dos momentos emotivos da velada, coa actuación do dúo formado por Bieito Blanco (ó piano) e André Outumuro (ó saxofón) que interpretarían “Melodía” e o pasodobre “Agárrate Saxo” no que foi unha sentida homenaxe ó recentemente falecido Manuel Dorrego Taín, un bo músico amante das bandas populares e dos pasodobres, en especial desta peza.
Nesta edición, o remate do concerto correría unha vez máis a cargo do gran Grupo de Acordeóns Bieito Blanco que interpretarían cinco pezas: “Love Story”, “I have dream”, “Fernando”, “Que bonito es Cuba” e “Villancicos americanos”.
Para por o broche final, todos os artistas participantes subiron ó escenario para interpretar todos xuntos e co público varias panxoliñas: “Con un sombreiro de palla”, “Que se despierte”, “En el portal de Belén”, “Los peces en el río” e “Campana sobre campana”.
Dende a Asociación de Veciños non nos queda máis que dar as grazas a todas e a todos os que fixestes posible un Concerto de Nadal tan fermoso, de xeito moi especial a Bieito Blanco e a todos os seus alumnos e alumnas, a Cristina Calle (Profesora de pandeireta) e ós integrantes do Grupo de Baile BailaBroa, e como non, tamén agradecer a presenza do fantástico público que ateigou a igrexa parroquial de Zarracós un ano máis, e xa van nove edicións.
Aquí deixamos os vídeos de todas as actuacións para que poidades revivir este gran concerto:
31 de Decembro do 2023