A Deputación de Ourense, seguindo coa senda de cooperación cos concellos da provincia, aprobou na Xunta de Goberno celebrada o pasado 20 de febreiro de 2024 unha axuda en favor do Concello da Merca por un valor de 48.000 euros para renovar o firme da estrada de Cobas do Río.
Pois ben, finalmente a empresa adxudicataria deste contrato foi Construcciones Y Almacenes Manuel Viso E Hijos Sl (de Cortegada) que ao longo das últimas semanas procedeu á limpeza das cunetas e nestes intres está procedendo a tapar fochancas e asfaltar o tramo que vai dende o apeadoiro de autobús de Cobas do Río ata as inmediacións das granxas de Corvillón.
No ano 2010 xa se arranxara o firme do tramo entre Salpurido e Cobas do Río, e este tramo que agora está en obras soamente se “bacheara” , pero nesta ocasión recibe un firme completamente novo en case todo o seu trazado.
É de esperar que ao longo dos vindeiros días se remate unha obra amplamente demandada pola veciñanza de Cobas do Río e tamén pola directiva desta Asociación de Veciños.
Así, e no referente á conservación das vías municipais, dende a asociación de veciños nos vindeiros meses intentaremos insistir en que se arranxe a estrada municipal que vai dende Salpurido ata Zarracós, tanto pola parte da Igrexa Parroquial, como pola entrada das Santas, xa que comeza a presentar multitude de fochancas en case todo o seu trazado.
27 de Maio do 2024