Máis de 80 persoas participaron das vodas de prata deste xantar popular
O Xantar Popular do San Ceriz nunca defrauda, e o pasado sábado 15 de xuño, volveu congregar a máis de 80 persoas dispostas a gozar dunha comida farturenta e saborosa, e xa de paso departir cos veciños en comunidade e harmonía.
Este ano, grazas a que o 57 Rally de Ourense pasou pola nosa parroquia o venres 14, a comida puido volver ó seu día de costume, o sábado, e aínda que a participación non foi tan elevada como en outras edicións, si foi bastante aceptable. Neste senso, dende a asociación de veciños entendemos que o prezo deste xantar pode resultar elevado, pero tamén consideramos que se hai vinte cinco se comezou organizando unha “pulpada”, agora non tería sentido convertelo noutro tipo de comida, por exemplo, unha churrascada, xa que sería cambiar por completo o sentido da celebración.
Así, tal e como ven sendo costume a xornada festiva daba comezo ás 12.30 da mañá co repique de campás (grazas Antonio e Izan) e a posterior misa na honra ó San Ceriz. Con respecto a isto tamén queremos destacar o importante traballo levado a cabo pola veciñanza nos días previos para axeitar tanto o interior como o exterior do templo, así como a importante labor realizada por aquelas mulleres que sempre se encargan de ter a igrexa nas melloras condicións e perfectamente adornada. Bravo por todas estas persoas!!
Finalizados os actos relixiosos tocaba dirixirse á carpa instalada no Campo da Festa para desgustar un tradicional menú á feira composto por: empanada, polbo á feira, carne ó caldeiro con cachelos, bica, viño, auga, refrescos, café e licores varios. Sen dúbida, un completo e farturento menú que de seguro que deixou satisfeito ós máis exquisitos padais. E como non, unha vez ben saciados: Begoña, Antonio, Pepe e Celsa non dubidaron en votar man dos instrumentos (gaita, bombo, tamboril e pandeiretas) para amenizar a sobremesa con música tradicional a base dun repertorio composto por cancións sobradamente coñecidas por todas e todos.
Dende a asociación de veciños agardarmos que a celebración fose de gusto de todas aquelas persoas que se animaron a asistir e ogallá o vindeiro ano poidamos celebrala de novo. Polo de pronto aquí vos deixamos uns vídeos e unhas cantas fotografías.
18 de Xuño do 2024