A Festa das Neves 2024 inundou de música, vida e alegría os distintos recunchos da parroquia de Zarracós

Celebrada os días 2,3, 4 e 5 de agosto de 2024

A Festa das Neves 2024 inundou de música, vida e alegría os distintos recunchos da parroquia de Zarracós

Un verán máis as festas na honra a Virxe das Neves volveron inundar de música, vida e alegría os distintos recunchos da nosa parroquia, tendo lugar os pasados días 2, 3, 4 e 5 de agosto do 2024.

As festas daban comezo, o venres día 2 de agosto, cos tradicionais xogos infantís, que un ano máis fixeron as delicias dos máis pequenos da parroquia e dos pobos da contorna, uns 25 cativos animáronse a participar desta actividade e abofé que se divertiron ao enfrontarse ás diversas probas e xogos de auga, para finalmente ver recompensado o seu esforzo cunha gran choiva de lambetadas e a posterior entrega de medallas.

Finalizados os xogos, tocou realizar un pequeno receso para cear e logo, co bandullo cheo,  desfrutar duns dos clásicos das nosas festas que non é outro que o concerto do gran GRUPO DE ACORDEÓNS BIEITO BLANCO. Durante máis de hora e media  deleitaron co seu bo facer ao público presente no campo da festa de Zarracós, recibindo sempre o seu agarimoso aplauso. Entre medias, non faltou á súa cita o gran tenor Baldomero Pavón (Membro do grupo)  para cantar uns temas acompañado polo gran mestre Bieito Blanco ó acordeón.

Antes de continuar e aproveitando a ocasión que nos brinda dispor deste medio de comunicación, queremos expresar o noso especial agradecemento aos compoñentes do Grupo de Acordeóns Bieito Blanco e a Bieito Blanco pola súa sempre especial implicación coas nosas festas, mil grazas de corazón!

Despois do concerto do grupo de acordeóns,  tería lugar outro dos clásicos das nosas festas: o karaoke, que  aínda que este ano non contou cunha enorme participación, os máis cativos souberon aproveitar a ocasión para cantarlle algún dos seus temas favoritos, e como non, algúns adultos tamén se atreveron a interpretar grandes clásicos, ata de ACDC.

O día 3 pola maña, sería a quenda da CHARANGA NOVA (de Trives) que este ano debutaron con sobresaínte nas nosas festas, sendo  a formación musical encargada de animar as rúas da parroquia, así como, de acompañar a procesión da Virxe das Neves ao redor da igrexa parroquial e cantar a misa. Posteriormente, animarían a sesión vermú no campo da festa.

Logo de repousar o xantar e de durmir unha pequena sesta (aqueles que puideron), chegou o momento para o deporte, en concreto para o fútbol sala. Este ano, ao igual que nos dous precedentes,  organizáronse dous partidos, un ás 19.00 horas para os máis cativos e outro ás 20.00 horas para os máis veteranos. E sen dúbida que todos eles e elas desfrutaron do deporte, como se soe dicir, sen mancarse.

Pola noite, a iso das 23.00 horas sería a quenda do GRUPO ACIREMA (do Grove), unha agrupación musical humilde pero que fixo bailar ao público que se achegou ata o torreiro co seu variado repertorio.

Novamente, o domingo tocaba levantarse cedo para percorrer pola fresca os distintos pobos da parroquia, nesta ocasión coa CHARANGA SORCHA (de Ribadavia), que tamén debutaba este ano nas nosas festas con bastante boa nota. Esta agrupación musical tamén sería a encargada de acompañar a procesión da Virxe das Neves ao redor da igrexa, cantar a misa e  tocarlle unhas “pezas” no campo da festa para animar a sesión vermú.

 

Polo tarde, tería de novo lugar o xa máis que tradicional Torneo de Chave, que este ano contou coa participación de 30 xogadoras e xogadores, impulsado especialmente pola mocidade e no que se proclamou gañador José (do Grupo Yukatán) con catro pegadas á chave.

Unha vez rematado o torneo de chave e tras unha brevísima pausa para cear, a iso das 22.00 horas, tocaba gozar coa actuación do GRUPO YUKATÁN (de Ourense), que co seu vistoso escenario e cun repertorio variado e adaptado a todos os públicos, conseguiron animar a festa. Unha vez rematada a actuación deste grupo Ourensán, sería a quenda dos músicos da parroquia e da zona para pórlle o broche de ouro ao domingo amenizando a queimada popular de fin de festa.

Referente ao sorteo, os 200€ foron parar ao peto de Ana Nóvoa Rodríguez  (de Zarracós),  mentres que os 100 € foron para Evencio Suárez (de Salpurido), o lote da Tenda do Pepiño foi para Antonio Dourado (de Corvillón)  e o premio de consolación, o lote de Queixos Feijoo foi nesta ocasión para Benita Casal (de Zarracós). Como ben dicimos un ano tras outro, pode parecer “estraño” que os premios recaian moitas veces nas mesmas persoas, pero son da xente que máis colabora mercando papeletas, polo que é normal. Parabéns a todos eles e como non grazas pola súa excepcional colaboración.

O campionato de Tute disputouse o día 1 de agosto por eliminatorias, contando coa participación de 8 parellas. Antonio Taín e Carlos Rodríguez proclamáronse gañadores tras impoñerse na final ós segundos clasificados, Manuel Taín e José Manuel Taín. Novamente, este ano a organización decidiu ofrecer unha cea ós participantes composta por: queixo, lacón asado, empanada e pan.

E ata aquí sería todo o que teríamos que contarvos en condicións normais... pero este ano a festa tivo unha particularidade, alongouse un día máis ao caer o día 5 de agosto en luns. Polo tanto, a iso das 12.30 tería lugar unha desas tradicións que se recuperou hai uns anos como é a procesión ao Campo. Multitude de veciños e veciñas acompañaron á Virxe das Neves ata unha praza do Campo ben engalanada para tal ocasión cun arco floral espectacular, bandeirolas e colchas tecidas a man. Xa alí, as máis pequenas da parroquia recitarían os tradicionais exemplos sobre o pousadoiro e debaixo do arco floral, de seguido, a Virxe emprendería o camiño de regreso á igrexa parroquial onde se celebraría a misa “grande” co acompañamento do coro parroquial baixo a dirección do mestre Bieito Blanco.

Unha vez finalizados os preceptivos actos relixiosos sería o momento para a sesión vermú no campo da festa.

Dende a Asociación de Veciños queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a todas e cada unha das persoas que fixeron posible que as festas de Zarracós se levasen a cabo un ano máis: a Bieito Blanco e aos membros do grupo de acordeóns, a toda a xente que nos mercou rifas tanto para o sorteo do Nadal como para o da festa, a todos os que colaboraron nas distintas tarefas (especialmente á xuventude), a todos as familias socias, a toda a xente que nos axudou a vender rifas, a todas aquelas persoas que participaron nos torneos, a todas aquelas persoas que nos aportaron diñeiro a maiores, aos veciños e veciñas que botando man do seus instrumentos e das súas voces se prestaron para cantar a misa ou animar a queimada de fin de festa, a todas aquelas persoas que adornaron o Campo e realizaron o arco floral... grazas a todos e cada un de vos as festas da parroquia de Zarracós volven e resisten un ano máis sendo un exemplo de paz, harmonía e diversión.
 

Pulsa aquí para acceder á galería fotográfica da Festa das Neves 2024

Aquí vos deixamos unha lista de reprodución con máis de 50 vídeos das festas

20 de Agosto do 2024




Destacamos