Celebrada na tardiña do 5 de agosto de 2024
A primeira xornada da VI Olimpíada Rural da Broa celebrouse o pasado luns, día 5 de agosto, no campo da festa de Zarracós e nela congregáronse máis de vinte cinco cativos da zona dispostos a gozar do deporte e a compartir unha tarde de diversión xuntos.
Así, se en anos anteriores se practicaban distintos xogos populares galegos, nesta ocasión houbo cambios e o deporte principal pasou a ser o balonmán, seguido de xogos variados como: a corda, bailes en parella ou o burro.
Unha vez rematada a tarde deportiva, a rapazada que se animou a participar daba boa conta da merenda que a organización tiña preparada no local sociocultural: sándwichs, froita, zumes e auga.
Dende a organización agardamos que esta primeira xornada das olimpíadas fose do agrado de todos e tamén queremos animarvos a que levedes aos vosos nenos e nenas a participar nas tres xornadas restantes en Entrambosríos, Corvillón e San Pedro. Así mesmo e aproveitando a ocasión queremos agradecer o traballo altruísta realizado polos monitores e monitoras.
20 de Agosto do 2024