Todo ten un principio e un final...

Outra xente deberá dar un paso adiante para organizar a Festa das Neves 2025

Todo ten un principio e un final...

Despois de máis de vinte anos organizando a Festa das Neves de Zarracós chegou o momento de parar e descansar, de que outra xente dea un paso adiante para organizar as festas do vindeiro ano 2025.

Son moitos anos seguidos ao fronte da organización das festas, unhas veces con máis acerto e outras con menos, pero pouca xente é consciente do desgaste físico e mental que supón estar sempre ao pe do canón ano tras ano.

Recordo perfectamente cando empecei con todo isto (aló polo ano 2002), sempre movido pola ilusión que meu pai e Pepe procesaban por sacar adiante a Festa das Neves, e así, pouco a pouco fun asumindo cada vez máis responsabilidades  e axudando en todo aquilo que podía (herdando esa ilusión que eles tiñan pola festa), ata chegar a cargar practicamente con todo o peso da organización.

Foi un longo camiño cheo de momentos realmente gratificantes, pero tamén cheo de multitude de atrancos que houbo que superar para sacar adiante as festas, dende unha pandemia a un confinamento por COVID, pasando por situacións persoais complicadas.

Hai dúas décadas, un tren saia da estación repleto de xente, de xente implicada que sempre estaba disposta a axudar en calquera cousa que fose necesaria, pero co paso dos anos fóronse baixando moitas desas persoas, unhas de xeito voluntario e outras de xeito sobrevido, sen embargo, apenas se subiu ninguén. É así que, ese tren chega hoxe a estación case baleiro, sen apenas capital humano que permita organizar as festas dun xeito asumible e razoable.

Por todo isto, chegou o momento de dar un paso a unha beira, de deixar que outra xente tome a alternativa con ilusións reforzadas e novas ideas, para así poder gozar das festas doutro xeito, sen preocupacións,  dende a barreira.

Nos vindeiros días convocarase unha Asemblea Xeral na que se dará conta desta decisión persoal e na que se abordará calquera cuestión susceptible de ser tratada. En principio, e se así se decide nesa Asemblea, eu estaría disposto a continuar como Secretario da asociación de veciños realizando as labores administrativas correspondentes e asumindo a organización de festexos máis pequenos como poden ser o magosto ou o San Ceriz, pero desligándome do peso de organizar a Festa das Neves.

Por último, nin que dicir ten que calquera persoa ou persoas que decidan asumir a organización das festas para o vindeiro ano 2025 terán o meu apoio e axuda no que necesiten.

 Atentamente

José Manuel Taín Vilanova

 

27 de Agosto do 2024




Destacamos