XIV Edición do xantar popular na honra a San Ceriz 2013

Unhas 115 persoas se deron cita no campo da festa de Zarracós para disfrutar dun gran xantar á feira

XIV Edición do xantar popular San Ceriz 2013

O pasado Sábado,día 15 de Xuño, tiña lugar a XIV edición do xantar popular na honra a San Ceriz, coincidindo coa festividade de dito mártir (16 de Xuño). Unha festa que ano a ano se vai consolidando, e que pesares da crise, volveu a contar de novo cunha participación excepcional, nada máis e nada menos que 115 persoas se deron cita no campo da festa de Zarracós para degustar un tradicional "menú á feira". Son algunhas menos que o ano precedente pero sen dúbida unha cifra nada desprezable, máxime neste tempos.

A semana, no que atinxe a meteoroloxía, parecía que non comezaba con moi boas espectativas, pero o tempo, pouco a pouco, foi mellorando e a fin de semana resultou ser excelente, cun sol de xustiza que permitiu vivir esta celebración en toda a súa plenitude.

A xornada festiva daba inicio cos correspondentes actos relixiosos, como ven sendo costume, unha pequena procesión polo camposanto seguida dunha misa solemne oficiada polo sacerdote titular da nosa parroquia: Don Camilo Do Val. Neste punto queremos salientar que a igrexa estaba perfectamente ornamentada grazas ao traballo desinteresado das mulleres do pobo, que sempre están dispostas a doar flores e a levar un inmenso traballo para que o noso templo este nas mellores condicións, tamén queremos destacar unha doazón anónima de 50 euros que permitiu comprar flores e outras cousas necesarias para a igrexa.

Finalizados os oficios relixiosos todos aqueles que se apuntaron no xantar, previo pago dos 22 euros por comensal, dirixíronse ata o campo da festa de Zarracós para dar boa conta dunha tradicional comida "á feira" : empanada, polbo, carne ao caldeiro con patacas, bica, café, viño branco e tinto, pan de cea e como non podía ser menos licores da terra. Un completo e abundante menú que fixo as delicias de todos aqueles que asistimos a esta gran festa.

E como non podía ser menos, finalizada a comida en si, tocaba troulear, e estando Bieito presente ¡¡ non ía ser menos a cuestión!!, ás primeiras de cambio colleu o seu acordeón para deleitarnos a todos os alí presentes cos grandes clásicos que non poden faltar en calquera festa que se celebre en Zarracós. Quén non coñece aquel....? “Mami me voy pa la Habana, donde las merluzas se pescan con caña, pero en Zarracós, todo es distinto, todo es diferente, las merluzas e pescan con aguardiente”

Tras facela dixestión bailando, cantando e trouleando, era momento para celebrar o IV TORNEO DE CHAVE DE SAN CERIZ no que se deron cita ao redor de 30 participantes e no se proclamou gañador, unha vez máis, Hipólito, seguido de Antonio Taín Casas. Outros optaron por xogar unha partida de cartas no novo local social.

Sen lugar a dúbidas un completo día, que reuniu a todos os veciños en torno a unha mesa, non só para disfrutar da boa comida e da boa bebida senón para polo menos unha vez ao ano reunirse en irmandade e disfrutar da boa compaña e da festa!!!

Dende a Asociación de Veciños queremos dar as grazas a todos aqueles que participastes nesta festa, esperando que fose do agrado de todos vos!

Queda a vosa disposicón unha extensa galería fotográfica, así como, unha lista de reproducción con tres vídeos do evento.

Pulsa aquí para ver a galería de fotos do San Ceriz 2013

 

15 de Xuño do 2013




Destacamos