Finalmente serán perto de 150 instantáneas as que compoñen a exposición que poderá ser visitada no local socio-cultural a partires do 29 de Xullo
Onte, domingo 14 de Xullo, remataba o prazo de entrega de instantáneas para participar na II Exposición de fotografías antigas da parroquia de Zarracós, que poderá ser visitada no local socio-cultural a partires do 29 de Xullo, e que permanecerá alí durante todo o ano.
Esta nova edición da exposición estará composta por perto de 150 imaxes (entre as do ano pasado e as deste), que de seguro chegarán ao corazón de todos e cada un de nos, pois nelas represéntanse oficios e tradicións, que hoxe parecen esquecidas: as segas en Castela, as mallas, a labranza, o domingo de ramos, a procesión da Virxe das Neves... tamén se retratan moitos dos nosos devanceiros, pois noutrora a nosa parroquia estivo chea de xente ...e este ano tamén reservamos un apartado para os anos noventa. En definitiva unha mostra moi recomendable para visitar.
Dende a Asociación queremos agradecer a enorme colaboración dos veciños e veciñas que nos foron cedendo fotos ao longo do ano, que aínda que non foron moitos, achegaron imaxes de grandísima calidade. A todos aqueles que, polo que sexa, non vos animastes a participar, dende aquí volvemos a insistir unha vez máis para que o fagades, pois recuperar a memoria da parroquia e permitirlle coñecer aos nosos fillos como e quen eran os nosos devanceiros, así como, as súas costumes e tradicións é algo fermoso.
15 de Xullo do 2013