Así foi a festa das Neves da parroquia de Zarracós no 2013

Así foi a festa das Neves da parroquia de Zarracós no 2013
Así foi a festa das Neves da parroquia de Zarracós no 2013

Os pasados días 2, 3, 4 e 5 de Agosto do 2013 tiñan lugar as populares festas da parroquia de Zarracós na honra a Virxe das Neves. Unha celebración que seguramente será recordada por dous aspectos ben distintos: polo bo humor e o gran ambiente festeiro que se respirou durante os catro días de festexos e por seren as primeiras en “silencio”, dada a prohibición imposta dende a Xunta para o lanzamento de foguetes.


O venres día 2 de Agosto daban comezo as festas cos tradicionais xogos infantís, que na tarde-noite fixeron as delicias dos máis pequenos da parroquia e dos pobos da contorna, que tiveron que enfrontarse a diversas probas e xogos de toda a vida: o brillet, as cadeiras, probas de obstáculos, probas con auga,... e que viron recompensado o seu esforzo coa choiva de caramelos e cos múltiples agasallos que recibiron. Ao remate dos xogos a gran Charanga As Neves interpretaba unhas pezas para dar paso a un descanso para cear.


Unha vez enchidos os bandullos, sería a quenda para o segundo pase da Charanga as Neves de Zarracós, que un ano máis nos deleitaron cos seus éxitos máis afamados: “quen teña viño”,”mami me voy pa la habana”,...., e como non dos "cantantes" da parroquia e da contorna que se atreveron a cantar no popular karaoke, que ano a ano vai subindo de nivel, e que este ano contou de novo cunha gran participación, rematando a altas horas da madrugada.


O día 3 pola maña (ben cedo) era a charanga GARRAFÓN.COM (de Chantada) a encargada de por o toque musical polas rúas da parroquia ,así como, de acompañar a procesión e amenizar a sesión vermouth no campo da festa.


Neste día, tamén era tradicional, disputar o clásico partido de Fútbol 7 entre as parroquias de Zarracós e Corvillón, pero un ano máis, non puido ser debido ao mal estado do terreo de xogo (polas continuas falcatruadas do xabarín). No seu lugar, o sábado antes da festa (día 27 de Xullo) disputouse un partido de baloncesto entre un combinado de Entrambosríos, e outro das parroquias de Zarracós, Corvillón e Pardavedra no que resultaron vencedores os de Entrambosríos, tanto do partido como do trofeo de triples.


Pola noite, a iso das 23.00 horas, era a quenda do GRUPO NEBRASKA (de Xinzo de Limia) que sen lugar a dúbidas non defraudou, facendo un gran espectáculo con dúas horas e media de música moi bailable (cumbias, merengues, mexicanas, rumba,...) e de interacción co público presente a pe de campo para logo rematar na madrugada con música para a xuventude.


Despois de que moitos nos deitaramos o sábado as tantas da maña, o domingo tocaba madrugar para percorrer de novo os distintos pobos da parroquia coa charanga BRÉTEMA (de Gomesende), a cal tamén amenizaría a misa, a procesión e a sesión vermouth.


Polo serán tería de novo lugar o xa máis que tradicional Torneo de Chave, que este ano quedouse no barrio da Igrexa en Zarracós, concretamente para Antonio Rodríguez Canal, claro gañador do torneo con cinco pegadas á chave.


Unha vez rematado o torneo tocaba de novo escoitar e bailar música da boa coa ORQUESTRA PARAÍSO (de Vigo), que interpretando música moi bailable fixo as delicias de todos aqueles que nos demos cita no campo da festa de Zarracós. E como non, unha vez rematada a actuación desta agrupación musical viguesa a gran Charanga as Neves de Zarracós tomaba as rendas dos festexos para amenizar a queimada popular de fin de festa.


Este ano, xa que 5 de Agosto (día propio da festividade da virxe das Neves) cadraba a luns, alongouse a festa un día máis. Así, aqueles que o desexaron puideron asistir a unha misa cantada polas mellores voces da parroquia coa dirección e acompañamento musical de Bieito Blanco e tamén co acompañamento da gran Charanga As Neves, que posteriormente, amenizaría a sesión vermouth no campo da festa.


No que atinxe ao sorteo dos 300€, o segundo premio (recordemos 100€) desta vez quedouse no barrio da Torre en Zarracós, concretamente para o Herminio Fernández Freire, mentres que o primeiro premio (recordemos 200 €) foi parar a Forxas dos Montes, en concreto tocoulle a José Antonio Pérez. Este ano foron Herminda e Emilio os que repartiron a sorte.


O campionato de Tute este ano contou con pouca asistencia, soamente se inscribiron cinco parellas, pero sen embargo, estivo moi disputado. Eduardo e Paco proclamáronse claros gañadores, pero  para dilucidar o segundo posto foi necesario facer unha rolda de desempate entre tres parellas: Jorge-Félix, Manolo-Antonio e Manolo-José Manuel resultando finalmente Jorge e Félix como segundos clasificados.


O ano pasado incorporábase unha novidade ás actividades que se realizan durante a festa e que contou cunha gran acollida: a exposición de fotos antigas. Este ano, de novo, volveuse á levar a cabo esta iniciativa baixo o título: II Exposición de Fotos Antigas da Parroquia de Zarracós, e unha vez máis volveu a recibir centos de visitas durante a semana contando cunha gran aceptación entre os veciños.


Dende a Asociación de Veciños queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a todas e cada unha das persoas que fixeron posible que as festas de Zarracós se levasen a cabo un ano máis: a Bieito Blanco, aos membros da charanga As Neves, a toda a xente que nos mercou rifas, a todos os que colaboraron para realizar os xogos infantís, a todos os socios, a toda a xente que nos axudou a vender rifas en especial a Emilio, a todos aqueles que participaron nos torneos, a todos os veciños que nos axudaron a por as banderiñas, a todas aquelas persoas que nos aportaron diñeiro a maiores,... grazas a todos e cada un de vos as festas da parroquia de Zarracós resisten un ano máis.

Queda a disposición de todos vos unha lista de reproducción con máis de 40 vídeos en calidade HD que sumán un total de dúas horas:

 

Tamén podedes atopar máis de 560 fotos na nosa galería de imaxes

08 de Agosto do 2013




Destacamos