Celebrado o pasado sábado, día 9 de Novembro, contaba co nivel de asistenica máis alto da última década, 126 persoas
O pasado sábado, día 9 de Novembro, tiña lugar a XX edición da festa do Magosto da parroquia de San Andrés de Zarracós, que este ano, continuando coa senda iniciada no 2011 celebraríase de novo ao mediodía.
Desta volta, as condicións meteorolóxicas acompañaron e permitiron realizar todos os traballos tal e como foron previstos inicialmente. Por tanto, ás dez da mañá un grupo de voluntarios provistos de varias motoserras e de dous tractores, dispuxéronse a ir buscar a leña, así, despois de cargar ben os dous tractores e levalos ata o campo da festa, a gran fogueira prendíase a iso das once e xa non se apagaría ata o día seguinte. Tamén, ao longo da mañá, todos aqueles que se prestaron para botar unha man foron preparando toda a comida: cortando as empanadas,os lacóns, o pan e as bicas, asando as castañas e os chourizos, repartindo a bebida e os utensilios para comer....
Xa, a iso das dúas do mediodía, 126 veciños e veciñas se daban cita no Outeiro, o que converte a esta edición na máis multitudinaria, cando menos, da última década. Todos eles, daban boa conta do menú e da festa propostos pola organización, para xa na sobremesa, e coa sempre inestimable animación de Bieito Blanco ao acordeón, troulear un pouco e entoar canterías do estilo: "Mami me voy pa la Habana, donde las merluzas se pescan con caña, pero en Zarracós todo es distinto, las merluzas se pescan con vino tinto, pero en Zarracós todo es diferente, las merluzas se pescan con aguardiente" entre outros grandes éxitos do repertorio popular que sempre acompaña calquera tipo de festexo nesta parroquia. E como non, tamén houbo tempo para xogar longas partidas de cartas, manter interesantes conversas... pero sobre todo, para gozar da irmandade veciñal, que de cando en vez, proporcionan festas destas características.
Pola noite, e dado que sobrou unha importante cantidade de comida, todos aqueles que así desexaron puideron volver para cear, prolongándose a festa ata ben entrada a noite nun ambiente completamente distendido.
Antes de rematar estes parágrafos, queremos aproveitar a ocasión que nos brinda esta páxina web para expresar o noso agradecemento a todas as persoas que colaboraron activamente na consecución desta festa, pois sen eles, xamais houbese sido posible.
Podedes atopar unha extensa colección de fotos na nosa galería fotográfica: pulsa aquí para vela
10 de Novembro do 2013