Así foi a festa das Neves da parroquia de Zarracós do 2015

Celebrada os días 7, 8 e 9 de Agosto

Así foi a festa das Neves da parroquia de Zarracós do 2015

Os pasados días 7, 8 e 9 de Agosto do 2015 tiñan lugar as populares festas da parroquia de Zarracós na honra a Virxe das Neves. Unha celebración que seguramente será recordada por aspectos ben distintos: o bo tempo que reinou durante os tres días de festa, especialmente o domingo, pola ausencia de foguetes un ano máis, polo regreso do torneo de fútbol, por seren as primeiras festas nas que participan dúas orquestras despois de quince anos, ... pero sen dúbida polo bo humor e o gran ambiente festeiro que se respirou durante os tres intensos días de festexos.


O venres día 7 de Agosto daban comezo as festas cos tradicionais xogos infantís, que nunha solleira tarde-noite fixeron as delicias dos máis pequenos da parroquia e dos pobos da contorna, que tiveron que enfrontarse a diversas probas e xogos: de equilibrio, de obstáculos, multitude de probas con auga, as cadeiras... e que viron recompensado o seu esforzo cunha gran choiva de caramelos e cos múltiples agasallos que recibiron, grazas a colaboración de Bieito, Mónica, Edmundo e Belén que doaron a maior parte deles. Ao remate dos xogos, o Grupo de Acordeóns Bieito Blanco  realizaba o seu primeiro paso para posteriormente facer un breve descanso para cear.


Xa ca barriga chea, sería a quenda para o segundo pase do Grupo de Acordeóns Bieito Blanco, que nos deleitaron cos seus grandes éxitos ao acordeón, e como non, dos "cantantes" da parroquia e da contorna que se atreveron a cantar no tradicional karaoke, que ano a ano vai subindo de nivel, e que este ano, aínda que contou cunha menor participación, rematou a altas horas da madrugada.


O día 8 pola maña, era a charanga BCB (de Celanova) a encargada de por o toque musical polas rúas da parroquia, así como, de acompañar a procesión, cantar á misa e amenizar a sesión vermouth no campo da festa, e sen lugar a ningunha dúbida, por segundo ano consecutivo non defraudaron a ninguén, converténdose  xa en indiscutibles destas festas: trouleiros, animados, cantaríns e sobre todo grandes profesionais e traballadores.


Tamén neste día, e logo de dous anos sen poder disputarse o clásico partido de fútbol 7 entre as parroquias de Zarracós e Corvillón, esta vez si puido ser posible grazas ao bo estado do terreo de xogo, permitindo un gran e disputado espectáculo que rematou o tempo regulamentario de xogo co marcador de 1-1, sendo necesario unha prorroga na que non houbo goles  e a posterior quenda de penaltis na que se impuxo o equipo de Corvillón. Cabe destacar o gran papel que desempeñaron os máis xoves de ambas parroquias.

 
Pola noite, a iso das 23.00 horas, era a quenda da ORQUESTRA BRUJAS (de Rianxo) que sen lugar a dúbidas non defraudou, facendo un gran espectáculo con dúas horas e media de música moi bailable (cumbias, merengues, mexicanas, rumba, clásicos galegos...) e de interacción co público presente a pe de campo para logo rematar na madrugada con música para a xuventude.


Despois de que moitos nos deitaramos o sábado as tantas da maña, o domingo tocaba madrugar para percorrer de novo os distintos pobos da parroquia coa charanga OS CALIQUEÑOS (de Celanova), a cal tamén amenizaría tamén a sesión vermouth.


Polo serán tería de novo lugar o xa máis que tradicional Torneo de Chave, que este ano cambiou de barrio indo para A Torre, Rubén Samperio proclamouse como claro gañador do torneo con seis pegadas á chave.


Unha vez rematado o torneo de chave, a iso das 21.30 horas, tocaba deleitarnos coa actuación da ORQUESTRA NOCHE DE GALA (de Lestedo), que interpretando música moi bailable e interactuando co público presente no campo da festa fixo as delicias de todos aqueles que nos demos cita alí, sabendo incluso repoñerse a un erro da mesa de son que trocou durante máis de vinte minutos a súa actuación. Así, unha vez rematada a actuación desta agrupación musical, os músicos do pobo (pandereteiras, gaiteiros, caixeiro e bombeiro) puñan o punto e final as festas deste ano amenizando a queimada popular de fin de festa.


No que atinxe ao sorteo dos 300€, o segundo premio (recordemos 100€) quedouse este ano no barrio do Campo, concretamente foi para Adela Mera, mentres que o primeiro premio (recordemos 200 €) foi parar por terceiro ano consecutivo a Forxás dos Montes, en concreto tocoulle a José Antonio Pérez. Este ano foi José Manuel o quen repartiu de  novo a sorte.


O campionato de Tute este ano contou cunha asistencia moi escasa,sendo 6 as parellas que se inscribiron. Vilanova e Paco proclamáronse claros gañadores con 8 puntos, mentres que Isabel e Eduardo foron os segundos clasificados tras xogar o desempate con Carmen e Jose.


Hai tres anos incorporábase unha novidade ás actividades que se realizan durante a festa e dende logo que contou cunha gran acollida: a exposición de fotos antigas. Este ano, de novo, volveuse á levar a cabo esta iniciativa baixo o título: IV Exposición de Fotos Antigas da Parroquia de Zarracós, e unha vez máis volveu a recibir centos de visitas durante a semana contando cunha gran aceptación entre os veciños, aínda que moi poucas se animaron a asinar no libro de visitas da mostra.


Dende a Asociación de Veciños queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a todas e cada unha das persoas que fixeron posible que as festas de Zarracós se levasen a cabo un ano máis: a Bieito Blanco e aos membros do grupo de acordeóns, a toda a xente que nos mercou rifas tanto para o sorteo do Nadal como para o da festa, a todos os que colaboraron para realizar os xogos infantís, a todos os socios, a toda a xente que nos axudou a vender rifas en especial a Emilio, a todos aqueles que participaron nos torneos, a todos os veciños que nos axudaron a por as banderiñas, a todas aquelas persoas que nos aportaron diñeiro a maiores, aos veciños que botando man do seus instrumentos e das súas voces se prestaron a animar a queimada de fin de festa... grazas a todos e cada un de vos as festas da parroquia de Zarracós resisten un ano máis e son un exemplo de paz, harmonía e diversión.

Aquí tendes unha lista de reprodución con máis de 80 vídeos en calidade HD que iremos completando nos vindeiros días e que suman un total máis de tres horas e media:

 

Pulsando no seguinte enlace tamén podedes ver unha galería de fotos composta por máis de 550 imaxes da festa das Neves Zarracós 2015:

Galería de fotos festa das Neves Zarracós 2015

16 de Agosto do 2015




Destacamos