Grande acollida do documental -A última viaxe do afiador-

O local socio-cultural de Zarracós ateigouse para disfrutar da proxección deste filme con selo ourensán

Grande acollida do documental "A última viaxe do afiador"
Grande acollida do documental "A última viaxe do afiador"

A pesares das inclemencias meteorolóxicas e de ser un día laborable para meirande parte da xente, o local socio-cultural de Zarracós colgou o cartel de repleto e preto de oitenta persoas se deron cita para gozar da proxección do filme A última viaxe do afiador da produtora ourensá Boneca Lareta.

Así, tras unha breve presentación a cargo do director do filme, Aitor Rei, os asistentes puideron emocionarse e rir a esgalla coas peripecias destes heroes anónimos que un día decidiron saír polo mundo adiante para buscarse a vida coa única axuda dunha roda afiar. Historias e vivencias reais coas que o público presente se identificou, pois por sorte ou desgraza, nesta nosa provincia unha gran parte da poboación se tivo que ir fora para poder subsistir e sacar adiante as súas familias.

No lugar tamén puido ser admirada unha pequena mostra de rodas de afiar (procedente do museo Florencio de Arboiro) composta por cinco pezas, dende a máis antiga con ao redor de 200 anos no seu haber a outras máis modernas montadas en bicicletas ou nunha moto. Esta exposición reflexa a evolución deste oficio hoxe case desaparecido.

Dende a Asociación de Veciños de Zarracós queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a todo o equipo de Boneca Lareta que se desprazou ata Zarracós polo excelente trato ofrecido e por facilitar a unha entidade tan humilde como a nosa poder levar a cabo unha actividade cultural de tanta calidade. Así mesmo, tamén queremos darlle as grazas por cedernos as fotografías que forman parte da galería e que podedes ver pulsando no seguinte enlace.

Pulsa aquí para ver a galería do cinema de verán 2015

Agardamos que esta actividade fose do agrado da maioría e que en vindeiras ocasións se poidan seguir realizando novas propostas culturais que lle dean valor ao noso rural.

27 de Agosto do 2015




Destacamos