Así foi a XXII edición do Magosto da parroquia de Zarracós 2015

Celebrado o pasado sábado,  7 de Novembro, nun día excepcionalmente solleiro e coa maior participación da historia desta festa, 125 persoas

Así foi a XXII edición do Magosto da parroquia de Zarracós 2015

O pasado sábado, día 7 de Novembro, tiña lugar a XXII edición dunha das festas máis arraigadas e con máis sabor popular da nosa parroquia: O Magosto.

Unha edición que contou coa maior cifra de participación da súa historia, nada máis e nada menos, que 125 persoas e na que cabe salientar as excepcionais condicións meteorolóxicas, un día realmente solleiro con temperaturas superiores aos vinte grados que permitiu gozar  desta festa a todos os veciños que se animaron a participar.

Este ano, grazas ao traballo desinteresado do Manolo de Olás e do Antonio, que se encargaron de traer cadanseu tractor de leña, non foi necesario ir buscar tanta, pero aínda así, a iso das dez da mañá un importante número de voluntarios provistos de varias motoserras e un tractor dispuxéronse a ir buscar outro viaxe, quedando a gran fogueira prendida a iso das once para xa non apagarse ata o día seguinte despois de consumir toda a leña. Unha vez rematada esta importante tarefa era o momento para que uns voluntarios foran preparando a comida: cortando as empanadas,os lacóns, o pan e as bicas, repartindo a bebida e os utensilios para comer.... mentres outros ían asando as castañas e os chourizos.

Xa, a iso das dúas do mediodía, todos os asistentes puideron dar boa conta do menú e da festa propostos pola organización, que a tenor dos comentarios gustou a case todos. A continuación, xa na sobremesa, houbo tempo para xogar longas partidas de cartas, manter interesantes conversas... e sobre todo, gozar da irmandade veciñal, que de cando en vez, proporcionan festas destas características.

Pola noite, e dado que sobrou unha importante cantidade de comida, todos aqueles que así desexaron puideron volver para cear, prolongándose a festa ata ben entrada a noite nun ambiente completamente distendido.

Antes de rematar estes parágrafos, queremos aproveitar a ocasión que nos brinda esta páxina web para expresar o noso agradecemento a todas as persoas que colaboraron activamente na consecución desta festa, pois sen eles, xamais houbese sido posible.

Podedes atopar unha extensa galería de fotos no seguinte enlace: Galería de fotos do magosto

12 de Novembro do 2015




Destacamos