Así foi a XVII Edición do xantar popular na honra a San Ceriz 2016

106 persoas se deron cita no campo da festa de Zarracós para disfrutar desta nova edición

Así foi a XVII Edición do xantar popular na honra a San Ceriz 2016

O pasado Sábado, día 18 de Xuño, tiña lugar a XVII Edición Do Xantar Popular Na Honra ó San Ceriz, coincidindo coa festividade de dito mártir (16 de Xuño, Xoves). Unha festa máis que consolidada na nosa parroquia e que de novo volveu a contar  cunha notable participación, xa que 106 persoas se deron cita no Outeiro para degustar unha tradicional comida á feira.

O día comezaba con bastantes nubes e un pouco gris, pero pouco a pouco foi clarexando o que permitiu gozar en toda súa intensidade da xornada festiva, que daba inicio cos correspondentes actos relixiosos, como ven sendo costume, unha pequena procesión polo camposanto seguida dunha misa solemne oficiada polo sacerdote titular da nosa parroquia: Don Camilo Do Val. Neste punto queremos salientar que a igrexa estaba perfectamente ornamentada grazas ao traballo desinteresado das mulleres do pobo, que sempre están dispostas a doar flores e a levar un inmenso traballo para que o noso templo este nas mellores condicións.

Finalizados os oficios relixiosos todos aqueles que se apuntaron no xantar, previo pago dos 22 euros por comensal, dirixíronse ata o campo da festa de Zarracós para dar boa conta dun completo menú composto por: empanada, polbo, carne ó caldeiro con patacas, torta de Santiago, café, auga, viño branco e tinto, pan de cea e licores da terra. Ó remate, como calquera festa que se preste na nosa parroquia, non podía faltar o toque musical da sobremesa, que este ano correu a cargo dun grupo de gaiteiros formado por: Antonio Losada e unha nova promesa (ás gaitas), José Díaz(á caixa), Digna Crestelo (ó bombo) e Begoña Conde Cid (á pandeireta). Dende aquí queremos expresarlle o noso máis profundo agradecemento por facer gala de tan bo humor e deleitarnos co seu bo facer de xeito totalmente altruísta.

Tras troulear un pouco, era o momento para celebrar o VII TORNEO DE CHAVE DE SAN CERIZ no que se deron cita 27 participantes e que este ano, despois de varios anos de dominio absoluto de Hipólito, contou cun novo gañador, Roberto Nóvoa, con 6 pegadas á chave. No segundo posto produciuse un triplo empate entre Paco, Antonio Gómez e Vilanova e tras unha rolda de desempate impúxose Vilanova, en definitiva o barrio da Torre domina o xogo da chave na nosa parroquia. Mentres isto sucedía outros optaban por xogar unha partida de cartas no local social ou por admirar a exposición permanente de fotos antigas da parroquia.

Sen lugar a ningunha dúbida un completo día, que reuniu a todos os veciños en torno a unha mesa, non só para degustar unha boa comida, senón para polo menos reunirse unha vez ó ano en irmandade e disfrutar da boa compaña e da festa!!!

Dende a Asociación de Veciños queremos dar as grazas a todos aqueles que participastes nesta festa, esperando que fose do agrado de todos!

A continuación deixamos uns cantos vídeos e no enlace abaixo figurante poderedes visitar unha extensa galería fotográfica desta festa.

 

 

 

 

Pulsa aquí para acceder á galería fotográfica do San Ceriz 2016

20 de Xuño do 2016




Destacamos