Así foi a festa das Neves da parroquia de Zarracós do 2016

Celebrada os días 5, 6 e 7 de Agosto

Así foi a festa das Neves da parroquia de Zarracós do 2016

 

Os pasados días 5, 6 e 7 de Agosto do 2016 tiñan lugar as festas populares da parroquia de Zarracós na honra á Virxe das Neves. Unha celebración que moitos de nos recordaremos polo extraordinario calor que se viviu ó longo dos tres días de festa (sen dúbida, as máis calorosas dos últimos anos) ou por outros aspectos ben distintos, tales como o fatídico accidente pirotécnico ocorrido na mañá do domingo a pesares da ausencia de foguetes,... pero sen dúbida o que moitos recordaremos será o bo humor e o gran ambiente festeiro que se respirou durante os tres intensos días de festexos.


O venres día 4 de Agosto daban comezo as festas cos tradicionais xogos infantís, que nunha calorosa e solleira tarde-noite fixeron as delicias dos máis pequenos da parroquia e dos pobos da contorna, que acabaron completamente empapados enfrontándose ás diversas probas e xogos plantexados: a bola tola, as traineras, probas de equilibrio, de obstáculos, con auga, as cadeiras... e que viron recompensado o seu esforzo cunha gran choiva de caramelos e cos múltiples agasallos que recibiron, grazas á extraordinaria colaboración dos veciños: Bieito, Mónica, Edmundo e Belén que doaron a maior parte deles. Ó remate dos xogos, o Grupo de Acordeóns Bieito Blanco  realizaba o seu primeiro paso para posteriormente facer un breve descanso para cear.


Xa cas forzas respostas, sería a quenda para o segundo pase do Grupo de Acordeóns Bieito Blanco, que nos deleitaron durante máis dunha hora cos seus grandes éxitos. Seguidamente, e como principal novidade deste ano, chegaría o concerto dunha gran voz e dunha gran guitarra, o dúo Aída & Cris, que interpretaron as súa particular versión de temas actuais. Finalizado o concerto, sería a oportunidade dos cantantes “amateurs” da parroquia e da contorna que se atreveron a cantar no tradicional karaoke, que ano tras ano vai subindo de nivel (ou non, depende ;D).


O día 6 pola maña, era a charanga BCB (de Celanova) a encargada de por o toque musical polas rúas da parroquia, así como, de acompañar a procesión, cantar á misa e amenizar a sesión vermouth no campo da festa, e sen lugar a ningunha dúbida, por terceiro ano consecutivo non defraudaron a ninguén, converténdose  xa en indiscutibles das nosas festas: trouleiros, animados, cantaríns e sobre todo grandes profesionais e traballadores.


Tamén neste día, e  por segundo ano consecutivo, despois dunha parada dun par de anos (debido ó mal estado do campo) disputouse o clásico partido de fútbol 7, que  nesta ocasión foi fútbol 5 ó non animarse moita xente a participar. Unha apaixonante contenda que rematou co marcador 4-5 e na que se  proclamou de novo como gañador o equipo da parroquia de Corvillón. Cabe destacar o gran papel que desempeñaron os máis xoves de ambas parroquias.

 
Pola noite, a iso das 22.40 horas, era a quenda da ORQUESTRA MANCHESTER (de Santiago), unha orquestra humilde, pero que ofreceu un repertorio cheo de música do máis bailable (cumbias, merengues, mexicanas, rumba, clásicos galegos...) e que fixo mover os pes de todos aqueles que se achegaron ata o torreiro, nunha fantástica noite de verán na que non se movía nin unha folliña e a temperatura era do máis agradable, algo bastante pouco frecuente nas festas de Zarracós.


Despois de que moitos nos deitaramos o sábado as tantas da madrugada, o domingo tocaba madrugar outra vez para percorrer os distintos pobos da parroquia cunha charanga que se estreaba nas nosas festas: VA K PINTA (de Vincios - Gondomar), e que estamos seguros que non defraudaron. Tamén amenizarían a procesión e a sesión vermouth.


Polo serán, tería de novo lugar o xa máis que tradicional Torneo de Chave, que  por segundo ano consecutivo volveu a ir para Rubén Samperio da Torre  que se proclamaba como gañador do torneo con tres pegadas á chave.


Unha vez rematado o torneo de chave, a iso das 21.30 horas, tocaba deleitarnos coa actuación da ORQUESTRA TERRANOVA (de Vigo), que  enriba dun extraordinario escenario móbil interpretou música do máis bailable facendo as delicias de todos os presentes no campo da festa. Así, unha vez rematada a actuación desta gran agrupación musical, os músicos do pobo (pandereteiras, gaiteiros, caixeiro e bombeiro) puñan o punto e final as festas deste ano amenizando a queimada popular de fin de festa.


No que atinxe ó sorteo dos 300€, o segundo premio (recordemos 100€) quedouse este ano no pobo de Cobas do Río, mentres que o primeiro premio (recordemos 200 €) quedouse en Zarracós, en concreto tocoulle a Raquel Vázquez Taín. Nesta ocasión foron Emilio e Teresa os encargados de repartir a sorte.


O campionato de Tute, que este ano cambiou de formato por petición popular, disputouse nun único día (4 de agosto) e por eliminatorias, contando coa participación de 9 parellas. Eduardo e José Manuel proclamáronse claros gañadores tras impoñerse na final ós segundos clasificados, Jose Luis Dorrego e Manuel Vázquez (Mack).


Hai catro anos incorporábase unha novidade ás actividades que se realizan durante a festa e dende logo que contou cunha gran acollida: a exposición de fotos antigas. Este ano, de novo, volveuse á levar a cabo esta iniciativa baixo o título: V Exposición de Fotos Antigas da Parroquia de Zarracós, e unha vez máis volveu a recibir centos de visitas durante a semana contando cunha gran aceptación entre os veciños, aínda que moi poucas se animaron a aportar fotos novas para seguir incrementando a mostra.


Dende a Asociación de Veciños queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a todas e cada unha das persoas que fixeron posible que as festas de Zarracós se levasen a cabo un ano máis: a Bieito Blanco e aos membros do grupo de acordeóns, a toda a xente que nos mercou rifas tanto para o sorteo do Nadal como para o da festa, a todos os que colaboraron para realizar os xogos infantís, a todos os socios, a toda a xente que nos axudou a vender rifas, a todos aqueles que participaron nos torneos, a todos os veciños que nos axudaron a por as banderiñas, a todas aquelas persoas que nos aportaron diñeiro a maiores, ós veciños que botando man do seus instrumentos e das súas voces se prestaron a animar a queimada de fin de festa... grazas a todos e cada un de vos as festas da parroquia de Zarracós resisten un ano máis e son un exemplo de paz, harmonía e diversión.

Aquí tendes algúns vídeos da festa en calidade HD, e pouco a pouco, iremos subindo máis nos vindeiros días, xa que ocupan bastante.

No seguinte enlace podedes atopar unha galería de fotográfica con máis de 450 imaxes:

Galería Festa das Neves Zarracós 2016

14 de Agosto do 2016




Destacamos