Joel, José Luis e Iñaki proclamáronse vencedores do torneo
O pasado sábado, día 13 de agosto do 2016, con motivo das festas da veciña parroquia de Entrambosríos, disputouse na cancha de Zarracós un torneo 3x3 de baloncesto. Un formato deportivo que durante os anos oitenta e noventa converteu a este campo nun punto de encontro para a xuventude de toda a contorna, que desde os distintos recunchos da Comarca de Celanova se achegaban ata Zarracós para participar neste afamada competición.
Nesta ocasión déronse cita seis equipos, que compostos pola mocidade e non tan mocidade das parroquias Entrambosríos e de Zarracós competiron deportivamente baixo o sistema de liguiña para proclamarse gañadores do trofeo de baloncesto das festas do Carme de Entrambosríos. Así, despois dunha disputada final o triplete composto por: Joel, José Luis e Iñaki vencía por 5-2 ó composto por: Marcos, Curtis e Jose.
Dende a asociación queremos amosar o noso agradecemento ós veciños de Entrambosríos por achegarse ata o campo de Zarracós para disputar o torneo de baloncesto das súas festas. Así mesmo, agardamos que o ano que ven as condicións da cancha sexan moito mellores cas deste ano, xa que soamente se puido xogar nunha metade.
18 de Agosto do 2016