Magosto 2016, unha edición pasada por auga

Celebrada o sábado,  12 de Novembro, no que resultou ser un chuvioso día de outono

Magosto 2016, unha edición pasada por auga

O pasado sábado, día 12 de Novembro, tiña lugar a XXIII edición dunha das festas máis arraigadas e con máis sabor popular da nosa parroquia, da contorna e da provincia: O Magosto.

As previsións meteorolóxicas xa se presentaban adversas, sobre todo para a xornada festiva, polo que en previsión de que puidese chover, decidiuse ir á leña xa o venres. Así, un grupo de voluntarios provistos de varias motoserras e un par de tractores dispuxéronse a ir buscar leña, traendo ó campo da festa dous bos viaxes de piñeiros secos. Modesto, pola súa banda, apartou de xeito desinteresado outro viaxe máis de leña miúda.

Aínda que todos desexabamos unha xornada tan solleira como a do ano pasado, efectivamente as previsións iniciais cumpríronse e día comezou con bastante nubes, para finalmente acabar converténdose nun auténtico día de outono con chuvia á esgalla. Pero aínda así, e a pesares dos pesares, esta nova edición do magosto da parroquia contou cunha participación máis que aceptable, 117 veciños e veciñas se animaron a participar desta festa.

O sábado, dado que xa se fora á leña o día anterior, non foi necesario madrugar tanto e prendíase a fogueira a iso das once e media da mañá. Antonio, Ana e Izán tamén quixeron achegar o seu granciño de área aportando outro tractor de leña. Unha vez feito o lume chegaba o momento para que uns voluntarios foran preparando a comida: cortando as empanadas, os lacóns, o pan e as bicas, repartindo a bebida e os utensilios para comer.... e outros tiveron que axudar a montar a carpa para poder asar os chourizos, dado que a media mañá comezou a chover a mares e nin sequera se puido acabar de facer ben as castañas.

A pesares de todas as condicións adversas, a iso das dúas do mediodía, todos os asistentes puideron dar boa conta do menú e da festa propostos pola organización, que a tenor dos comentarios gustou a case todos. A continuación e xa na sobremesa, non podía faltar o bo humor e a música a cargo do inestimable Bieito Blanco e o seu acordeón, e como non, das grandes voces da parroquia. Tamén houbo tempo para xogar longas partidas de cartas, manter interesantes conversas... e sobre todo, gozar da irmandade veciñal, que de cando en vez, proporcionan festas destas características.

Pola noite, e dado que sobrou unha importante cantidade de comida, todos aqueles que así desexaron puideron volver para cear, prolongándose a festa ata ben entrada a noite nun ambiente completamente distendido.

Antes de rematar estes parágrafos, queremos aproveitar a ocasión que nos brinda esta páxina web para expresar o noso agradecemento a todas as persoas que colaboraron activamente na consecución desta festa, pois sen eles, xamais houbese sido posible.

 

Pulsa aquí para ver a galería fotográfica do Magosto Zarracós 2016

17 de Novembro do 2016




Destacamos