Unha tarde de outono redescubrindo o apaixonante mundo dos cogumelos

Xornada Micolóxica Zarracós 2016

Unha tarde de outono redescubrindo o apaixonante mundo dos cogumelos

O pasado sábado, día 19 de novembro, tiña lugar a Xornada Micolóxica Zarracós 2016 na que se animaron a participar unha vintena de persoas procedentes dos distintos lugares que compoñen as parroquias da Broa.

As pesares de que previsións meteorolóxicas  dicían que ía ser unha tarde tremendamente inestable , a iso das tres, que era a hora marcada para o inicio da saída ó campo, o tempo  deu un pequeno descanso, permitindo iniciar a actividade con total normalidade. Así, todos aqueles que nos reunimos no local social provistos de cestos e navalla dirixímonos a pe cara as Santas e O  Piñeiral, onde a cada paso que iamos dando ían aparecendo setas de todas as formas e cores, moitas delas descoñecidas pola maioría dos presentes ou simplemente ignoradas, pero que a docente Rita Cid foi explicando de xeito meticuloso ó mesmo tempo que ía respondendo a todas e cada unha das preguntas formuladas polos “alumnos”.

Á última hora da saída o tempo foi empeorando, polo que non quedou outra que regresar ó local social, iso si, coas cestas cargadas de exemplares de todo tipo.

Ás seis da tarde daba comezo a charla de iniciación, na que a monitora (Rita Cid) fixo unha breve introdución á micoloxía, para logo entrar en materia e ensinar mediante fotografías os cogumelos comestibles máis frecuentes e as súas posibles confusións, ademais de empregar como base para algunhas explicacións algún dos exemplares recollidos na saída previa.

Dende a asociación de veciños agardamos que fose unha tarde produtiva e diferente, na que aqueles que asististes vos permitira adquirir novos coñecementos sobre o apaixonante e extenso mundo dos cogumelos. Aproveitando a ocasión, tamén queremos expresar o noso agradecemento á monitora Rita Cid polo seu bo facer e pola súa implicación nesta xornada.

Pulsando no seguinte enlace podedes acceder a unha galería fotográfica da actividade:

Galería fotográfica Xornada Micolóxica Zarracós 2016

24 de Novembro do 2016




Destacamos