Celebrado o venres, día 30 de decembro, nai Igrexa Parroquial de San Andrés de Zarracós
O pasado venres, día 30 de Decembro do 2016, tiña lugar na Igrexa Parroquial de San Andrés de Zarracós unha nova edición do concerto de fin de ano, un certame musical que pouco a pouco se vai consolidando no panorama festivo da nosa parroquia e do Concello de A Merca e que este ano acadaba a súa terceira edición. Un entrañable evento musical organizado e dirixido por Bieito Blanco coa colaboración da Asociación de Veciños de Zarracós, así como, do Excmo. Concello de A Merca e dos veciños da parroquia.
Ata o templo parroquial achegábase público procedente de todas as parroquias da Broa, así como, doutras parroquias do concello e incluso de lugares máis recónditos da xeografía ourensá, non obstante, e a pesares de que este ano o concerto se celebraba pola semana (non en fin de semana, como en edicións anteriores) a igrexa estaba ben cheíña de público desexoso de escoitar e deleitarse coas grandes interpretacións que seguidamente irían pasando polo gran escenario no que se convertía o presbiterio da igrexa de Zarracós.
A iso das sete da tarde daría comezo o “festival” presentado e conducido, unha vez máis, polo grande e inimitable Baldomero Pavón que coas súas verbas iría dando paso a cada un dos artistas participantes, en primeiro lugar actuaría coro composto por veciños e veciñas da parroquia de Zarracós que interpretaron tres panxoliñas: “Oh Blanca Navidad”, “Linda Noite” e “Alegría Paz y Amor”, seguidamente sería a quenda do que xa é un gran violinista Brais Donís Novoa que interpretaría “Pachlebel's Canon”. Deseguido, Iria (Frauta traveseira) e Xurxo (Guitarra) porían a nota instrumental con: “A Thousand Years” de Cristina Perri, para logo cederlle o testemuño ó gran tenor Baldomero Pavón que deleitaría ós presentes coa súa gran voz, cantando: “Abrázame” de Julio Iglesias e “Con Te Partiró” de Andrea Bocelli. Chegaría entón o toque R&B coa cálida voz de Aida Blanco e a canción de “At last” de Etta James. Logo, o grupo de acordeóns da Escola de Música Bieito Blanco tocarían catro cancións: “Échame a mí la culpa”, “My Way”, “Meu amor mariñeiro” e “O Sacristán de Coimbra”, despois Bieito Blanco (ó acordeón) e Alba Blanco (pandeireta e pandeiro) interpretarían: “Le Banquet “ de Yann Tiersen e “Corridinho Nº3” (Popular portuguesa). A nota modernista viría nesta ocasión a cargo do grupo vocal da Escola Bieito Blanco que cantarían tres cancións ben coñecidas do panorama musical actual: “Titanium”, “Someone like you” e “Every breath you take”. Os encargados de cerrar un ano máis o concerto serían os compoñentes da gran Coral Cantares do Miño (de Velle): “Canto de Berce” de Fuxan Os Ventos, “Meu Carabel”,” Hallelujah” e “Yo te seguiré”.
Dende a asociación de veciños queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a Bieito Blanco polo gran traballo que realiza de xeito totalmente altruísta, organizando un concerto dun nivel tan extraordinario como este e sobre todo, por confiar na nosa parroquia para levar a cabo un evento de semellante nivel, que sen lugar a ningunha dúbida, é algo inédito na provincia de Ourense e moito menos en lugares tan pequenos como o noso.
E como non hai nada mellor que ilustrar as afirmacións, aquí deixamos unha lista vídeos con todas as actuacións para que poidades revivir este gran concerto:
02 de Xaneiro do 2017