Así foi a xornada sobre o castiñeiro para froita Zarracós 2017

Unhas corenta persoas se animaron a participar na xornada

Así foi a xornada sobre o castiñeiro para froita Zarracós 2017

A pesares da gran cantidade de eventos festivos que había programados para esta fin de semana na nosa contorna máis inmediata: festa do Boi, festa de A Merca, festa de A Valenzá, festa do Peixe,.... unhas corenta persoas se animaron a asistir á Xornada sobre o castiñeiro para froita Zarracós 2017.

Así, a iso das catro da tarde o poñente da xornada: Manuel Pérez López (Secretario da IXP Castaña de Galicia) comezaba a debullar un amplo tema como é do castiñeiro e o seu aproveitamento para a produción de castaña.

A conferencia comezaba dando nocións das distintas variedades de castaña autóctonas de Galicia e de como deseñar novas plantacións de castiñeiros para un aproveitamento óptimo, destacando sempre, as variedades máis idóneas para a súa comercialización dentro dos criterios da IXP e que, obviamente, acadan un maior rendemento tanto económico como de produción.

Seguidamente, Manuel abordaría de xeito bastante profundo as distintas enfermidades e pragas que afectan ós castiñeiros, centrándose especialmente nas tres que máis incidencia están tendo na nosa comarca e en xeral en Galicia: a tinta, o chancro e a avespa chinesa (Dryocosmus-Kuriphilus). Con respecto a esta última, dende hai uns meses é máis que notoria a súa incidencia na nosa zona, non fai falta fixarse moito para comprobar que case todos os castiñeiros están cheos de agallas deste insecto, polo momento, a única forma efectiva que se coñece para loitar contra esta praga invasora é a solta controlada do seu inimigo natural o Torymus sinensis, pero isto soamente o poden facer técnicos da Xunta de Galicia polo que a nosa acción está bastante limitada.

Dende a asociación de veciños intentaremos proporcionar toda a información que sexa posible sobre este tema, pero polo momento e como medida de presión á administración, aconsellámosvos que chamades a algún dos seguintes teléfonos para informar de que os vosos castiñeiros están infectados coa Avespa Chinesa:

  • Servizo de Explotacións Agrarias Ourense: 988 386 687
  • Servizo de Montes Ourense: 988 386 695

Amén dos temas descritos anteriormente, Manuel tamén abordou outros como: as novas de investigación e transferencia tecnolóxica; modelos de soutos; a IXP Castaña de Galicia; A colleita da castaña, conservación e transformación; Comercialización; Gastronomía da castaña e por suposto tamén respondeu gustosamente todas as preguntas formuladas polos presentes, ofrecendo sempre exemplos claros e concisos.

Aproveitando a ocasión que nos brinda dispor desta páxina web, dende a asociación de veciños queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a Manuel López Pérez polo seu bo facer e pola implicación dende o momento cero nesta Xornada. Así mesmo, agardamos que esta conferencia fose do agrado de todos os que vos animastes a asistir.

12 de Xuño do 2017




Destacamos