Este foi o XVIII Xantar Popular do San Ceriz 2017

112 persoas se deron cita no campo da festa de Zarracós para disfrutar desta edición tan calorosa

Este foi o  XVIII  Xantar Popular do San Ceriz 2017

O pasado Sábado, día 17 de Xuño, tiña lugar a XVIII Edición Do Xantar Popular Na Honra ó San Ceriz, coincidindo coa festividade de dito mártir (16 de Xuño, Venres). Esta é unha festa máis que consolidada na nosa parroquia e que de novo volveu a contar  cunha máis que notable e estable participación, dado que 112 persoas se deron cita no Outeiro para degustar unha tradicional comida á feira

O día comezaba completamente despexado e coas temperaturas en claro ascenso dando paso a unha das edicións máis calorosas que se recordan desta festividade, pero que sen dúbida permitiu gozar en toda súa intensidade da xornada festiva, que daba inicio cos correspondentes actos relixiosos que como ven sendo costume consisten  nunha pequena procesión polo camposanto seguida dunha misa solemne oficiada, neste caso, por Don Miguel debido á indisposición do noso párroco titular: Don Camilo Do Val ó que lle queremos desexar unha pronta recuperación da súa convalecencia. Neste punto queremos salientar que a igrexa estaba perfectamente ornamentada grazas ao traballo desinteresado das mulleres do pobo, que sempre están dispostas a doar flores e a levar un inmenso traballo para que o noso templo este nas mellores condicións.

Finalizados os oficios relixiosos todos aqueles que se apuntaron no xantar, previo pago dos 23 euros por comensal, dirixíronse ata o campo da festa de Zarracós para dar boa conta dun completo menú composto por: empanada, polbo, carne ó caldeiro con patacas, torta de Santiago, café, auga, viño branco e tinto, pan de cea e licores da terra. Ó remate, como calquera festa que se preste na nosa parroquia, non podía faltar o toque musical da sobremesa, que este ano correu a cargo dun grupo de gaiteiros formado por: Antonio Losada e dúas novas promesas (á gaita e o bombo) e Begoña Conde Cid (á pandeireta). Dende aquí queremos expresarlle o noso máis profundo agradecemento por facer gala de tan bo humor e deleitarnos co seu bo facer de xeito totalmente altruísta.

Tras troulear un pouco, debería ser o momento para celebrar o VIII TORNEO DE CHAVE DE SAN CERIZ  pero este ano optouse por non celebralo debido á intensa ola de calor. Así, moitos dos asistentes optaron por xogar unha partida de cartas no local social ou por admirar a exposición permanente de fotos antigas da parroquia.

Sen lugar a ningunha dúbida un completo e moi caloroso día, que reuniu a todos os veciños en torno a unha mesa, non só para degustar unha boa comida, senón para polo menos reunirse unha vez ó ano en irmandade e gozar da boa compaña e da festa!!!

Dende a Asociación de Veciños queremos dar as grazas a todos aqueles que participastes nesta festa, esperando que fose do agrado de todos!

 

A continuación deixamos uns cantos vídeos e no enlace abaixo figurante poderedes visitar unha extensa galería fotográfica desta festa.

Pulsa para ver a galería fotográfica do San Ceriz 2017

18 de Xuño do 2017




Destacamos