Ata sempre Don Camilo

Este domingo Don Camilo dicía adeus á nosa parroquia con motivo da súa xubilación.

Ata sempre Don Camilo

Este domingo, día 16 de Xullo do 2017, o noso párroco: Don Camilo Doval Baltar, sorprendía ós asistentes á misa dominical comunicando que xa non volverá misar máis na nosa parroquia dado que se xubila e que a partir de agora o noso cura será Don Miguel Blanco Grande.

En nome da directiva da Asociación de Veciños, e cremos que de todos os veciños e veciñas desta parroquia, non queremos deixar pasar esta ocasión tan especial sen deixar de brindarlle o noso máis profundo cariño e afecto, e como non, agradecerlle a Don Camilo a súa grande labor á fronte desta nosa parroquia e o trato cordial que sempre nos brindou, axudando a normalizar as relacións entre os veciños e a institución eclesiástica, relacións noutrora complicadas.

Así, aínda que estamos máis que seguros que as relacións persoais e de amizade seguirán mantendo vivo o seu vínculo cos veciños e veciñas desta parroquia, polo que esperamos poder seguilo vendo nalgúns eventos festivos ou doutra índole, de seguro que o botaremos de menos na súa labor eclesiástica, non en van grazas a súa implicación conseguíronse cousas impensables anteriormente,como cambiar por completo a faciana do noso templo e do noso camposanto: a restauración do retablo e o posterior recoñecemento co Premio Francisco de Moure, a renovación da instalación eléctrica, a adecuación do cemiterio, as estufas para inverno, os novos sillóns,... pero máis aló do puramente material, se algo se recordará sempre do seu bo facer será o enorme cariño expresado cara os máis pequenos da parroquia.

Don Camilo, grazas pola súa labor e polo seu trato.

17 de Xullo do 2017




Destacamos