Celebrada os pasados días 4,5 e 6 de agosto do 2017
Os pasados días 4, 5 e 6 de Agosto do 2017 tiñan lugar as festas populares da parroquia de Zarracós na honra á Virxe das Neves e van xa, nin máis nin menos, que vinte e cinco anos seguidos de troula.
O venres día 4 de Agosto daban comezo as festas cos tradicionais xogos infantís, que nunha calorosa e solleira tarde-noite fixeron as delicias dos máis pequenos da parroquia e dos pobos da contorna, que acabaron completamente empapados enfrontándose ás diversas probas e xogos: paso de auga con vasos, o limbo, probas de equilibrio, de obstáculos, con auga, as cadeiras... e que viron recompensado o seu esforzo cunha gran choiva de caramelos e cos múltiples agasallos que recibiron, grazas á extraordinaria colaboración dos veciños: Bieito, Mónica e Edmundo que doaron a maior parte deles. Ó remate dos xogos, o Grupo de Acordeóns Bieito Blanco realizaba o seu primeiro pase para posteriormente facer un breve descanso para cear.
Xa cas forzas respostas, sería a quenda para o segundo pase do Grupo de Acordeóns Bieito Blanco, que nos deleitaron durante máis dunha hora cos seus grandes éxitos. Seguidamente, e como principal novidade deste ano, chegaría a actuación do gran tenor Baldomero Pavón co acompañamento musical de Bieito Blanco ó acordeón que recrearon ó público interpretando grandes clásicos como: “O sole mio”, “Granada”,....
Antes de continuar fiando palabras neste artigo queremos expresar o noso especial e máis sentido agradecemento ós compoñentes do Grupo de Acordeóns Bieito Blanco e a Bieito Blanco polo especial cariño e respecto presentado á nosa festa, pois como todos sabemos, Bieito perdeu a seu pai na semana das festas e sen embargo tanto el como o acordeonistas non quixeron deixarnos tirados, por iso o único que podemos dicir é grazas, grazas e mil grazas!!!!
Así, finalizado o concerto de acordeóns, sería a oportunidade os cantantes noveis da parroquia e da contorna que se atreveron a cantar no tradicional karaoke, que ano tras ano vai subindo de nivel (ou non, depende ;D).
O día 5 pola maña, era a charanga BCB (de Celanova) a encargada de por o toque musical polas rúas da parroquia, así como, de acompañar a procesión, cantar á misa e amenizar a sesión vermú no campo da festa, e sen lugar a ningunha dúbida, por cuarto ano consecutivo non defraudaron a ninguén, converténdose xa en indiscutibles das nosas festas: trouleiros, animados, cantareiros e sobre todo grandes profesionais e traballadores.
Despois de repousar un pouco a comida e de darlle á sesta aqueles que puideron, pola tarde chegaba o tradicional partido de fútbol 7 entre as parroquias de Corvillón e Zarracós, que moi ó contrario do ano pasado, este ano contou cunha gran participación e unha maior expectación por parte do público. Un encontro que se decidiu nos primeiros minutos de xogo, no que o equipo de Zarracós encaixou varios goles seguidos, pero que rematou cun “axustado” marcador de 7-11 á favor do conxunto visitante. Un ano máis, cabe destacar o gran papel que desempeñaron os máis xoves de ambas parroquias, que continúan coa tradición.
Pola noite, a iso das 22.30 horas, era a quenda da ORQUESTRA RITMO NOCHE (de Vigo), unha agrupación cunha vistosa montaxe, inédita en Zarracós, que nunha noite bastante fresquiña ofreceu un repertorio cheo de música do máis bailable (cumbias, merengues, mexicanas, rumba,..) e que fixo mover os pes de todos aqueles que se achegaron ata o torreiro, sobre todo no seu primeiro pase.
Despois de que moitos nos deitaramos o sábado as tantas da madrugada, o domingo tocaba madrugar outra vez para percorrer os distintos pobos da parroquia cunha charanga que volvía ás nosas festas despois de cinco anos: CASTRO BELLO (de Maside), unha agrupación musical humilde pero composta por grandes músicos e xente traballadora. Este ano soamente puideron amenizar a sesión vermú dado que foi imposible chegar á misa e á procesión.
Polo serán, tería de novo lugar o xa máis que tradicional Torneo de Chave, que este ano contou cunha excelente participación (50 xogadores) e que por terceiro ano consecutivo volveu a ir para Rubén Samperio da Torre que se proclamaba como gañador do torneo con cinco pegadas á chave.
Unha vez rematado o torneo de chave, a iso das 21.30 horas, tocaba deleitarnos coa actuación da ORQUESTRA BRUJAS (de Rianxo), que volvía ó noso campo da festa despois de estar no 2015, para deleitar ós presentes con tres horas de música do máis bailable facendo as delicias de todos os presentes no campo da festa. Así, unha vez rematada a actuación desta gran formación rianxeira, os músicos do pobo (pandereteiras, gaiteiros, caixeiro, bombeiro e violinista) puñan o broche final ás festas deste ano amenizando a queimada popular de fin de festa.
No que atinxe ó sorteo dos 300€, este ámbolos dous premios quedaron no pobo de Zarracós, o segundo premio (recordemos 100€) foi para a Modesta, mentres que o primeiro premio (recordemos 200 €) recaeu na Trina. Parabéns ás dúas :D
O campionato de Tute, que este ano, ó igual que ano pasado se disputou nun único día (3 de agosto) e por eliminatorias, contando coa participación de 8 parellas. Dani e Felix proclamáronse claros gañadores tras impoñerse na final ós segundos clasificados, Tere e Vilanova. Este ano grazas a José Andrés e Carmen, os asistentes ó campionato puideron facer un descanso para degustar un año á grella, así como, chourizos e touciño.
Hai cinco anos incorporábase unha novidade ás actividades que se realizan durante a festa e dende logo que contou cunha gran acollida: a exposición de fotos antigas. Este ano, de novo, volveuse á levar a cabo esta iniciativa baixo o título: VI Exposición de Fotos Antigas da Parroquia de Zarracós, e unha vez máis volveu a recibir centos de visitas durante a semana contando cunha gran aceptación entre os veciños, aínda que de novo, moi poucas se animaron a aportar fotos novas para seguir incrementando a mostra.
Dende a Asociación de Veciños queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a todas e cada unha das persoas que fixeron posible que as festas de Zarracós se levasen a cabo un ano máis: a Bieito Blanco e aos membros do grupo de acordeóns, a toda a xente que nos mercou rifas tanto para o sorteo do Nadal como para o da festa, a todos os que colaboraron para realizar os xogos infantís, a todos os socios, a toda a xente que nos axudou a vender rifas, a todos aqueles que participaron nos torneos, a todos os veciños que nos axudaron a por as bandeiras, a todas aquelas persoas que nos aportaron diñeiro a maiores, ós veciños que botando man do seus instrumentos e das súas voces se prestaron a animar a queimada de fin de festa... grazas a todos e cada un de vos as festas da parroquia de Zarracós resisten un ano máis e son un exemplo de paz, harmonía e diversión.
Aquí tendes algúns vídeos da festa en calidade HD, e pouco a pouco, iremos subindo máis nos vindeiros días, xa que ocupan bastante.
Na sección Galerías fotográficas podedes atopar máis de 450 instantáneas das nosas festas.
13 de Agosto do 2017