Gran aceptación da I Olimpíada Rural da Broa en Zarracós

Máis de trinta rapaces participaron na primeira xornada das olimpíadas

Gran aceptación da I Olimpíada Rural da Broa en Zarracós
Gran aceptación da I Olimpíada Rural da Broa en Zarracós

O pasado martes, día 8 de agosto do 2017, celebrábase no campo da festa de Zarracós a primeira xornada da Olimpíada Rural da Broa que tamén percorrerá as parroquias de Olás e Entrambosríos con outras modalidades deportivas.

Así, a iso das sete da tarde, máis de trinta rapaces da nosa contorna se congregaban no Outeiro para entreterse con xogos populares doutros tempos, nos que non había tanta tecnoloxía e tocaba agudizar o enxeño, como ben saben os nosos pais e avós que fixeron de mestres de cerimonia. Durante máis de dúas horas, os rapaces e rapazas divididos en grupos segundo a súa idade puxeron a proba a súa destreza xogando coa chave, a ra, os aros, o arillo, o peón, os zancos, a ponte, a ferradura.... sempre guiados por un monitor que tamén se encargaba de contabilizar os puntos.   

Unha vez rematada a tarde de xogos a rapazada que se animou a participar daba boa conta da merenda que a organización tiña preparada no local socio-cultural: bocadillos, pizzas, croissants, tortilla, auga, zumes, bebidas isotónicas e froita. Mentres os rapaces papaban os monitores encargábanse de contabilizar os puntos, para posteriormente proceder á entrega de medallas.

Resumindo, unha fermosa xornada deportiva e festiva que permitiu a rapaces e maiores da nosa zona gozar dunha tarde interxeracional fedellando cos distintos xogos populares.

Dende a organización agardamos que esta primeira xornada das olimpíadas fose do agrado de todos e tamén queremos animarvos a que levedes ós vosos nenos a participar nas dúas xornadas restantes en Pazos e Entrambosríos. Aproveitando a ocasión queremos agradecer o traballo altruísta realizados polos monitores.

A continuación podedes atopar dous vídeos deste evento que supoñen uns corenta minutos de gravación e tamén na nosa sección Últimas galerías podedes atopar un álbum con máis de 70 fotografías.

14 de Agosto do 2017




Destacamos