As Olimpíadas Rurais da Broa enchen de xuventude o campo da festa de Entrambosríos

As Olimpíadas Rurais da Broa enchen de xuventude o campo da festa de Entrambosríos

O pasado martes, día 15 de agosto do 2017, unha nova xornada das Olimpíadas Rurais da Broa permitiu reunir no campo da festa de  Entrambosríos ós máis pequenos da nosa contorna para gozar dunha tarde lúdica e deportiva.

Para esta nova xornada a organización tiña preparadas dúas modalidades deportivas ben diferenciadas, por unha banda baloncesto e pola outra xogos variados de toda a vida. Así, primeiramente os rapaces e rapazas participantes, divididos en equipos mixtos segundo a súa idade, foron disputando diversos encontros de baloncesto, os máis pequenos nunhas canastras adaptadas a súa estatura e abofé que se divertiron practicando este deporte polas súas caras.

Unha vez rematada a primeira parte, chegaría o momento para facer un breve descanso e repor forzas comendo algo de froita e bebendo auga, o que sen dúbida se agradecía dadas as elevadas temperaturas da tarde.

Repostas as forzas, chegaba a quenda dos xogos variados, así os máis pequenos tiveron que demostrar a súa destreza e axilidade enfrontándose a xogos sobradamente coñecidos por todos como: a carretilla, carreiras de sacos, carreiras cos pes atados, a culler e a pelota, coller mazás nun balde de auga, ...

Finalmente os participantes darían boa conta da merenda que organización tiña preparada para tal e ocasión, posteriormente procederíase á entrega de medallas.

Dende a organización agardamos que estas dúas xornadas fosen do agrado da maioría, e como non, queremos aproveitar a ocasión para animarvos a que levedes ós rapaces a participar na xornada de clausura das olimpíadas que será no campo de xogos de Pazos de Olás o vindeiro venres, día  18 de agosto do 2017, desta volta tocará practicar atletismo e fútbol.

17 de Agosto do 2017




Destacamos