O pasado venres, día 18 de agosto do 2017, tiña lugar no campo de xogos de Pazos de Olás a derradeira xornada das primeiras olimpíadas da Broa que novamente volveu a ser un polo de atracción para a xente miúda da nosa zona, e por suposto tamén, para pais, avós e veciños que non dubidaron en acudir como público para gozar dunha xornada festiva, deportiva e cultural.
Para esta xornada de clausura das olimpíadas a organización tiña preparadas dúas modalidades deportivas ben diferenciadas, por unha banda atletismo e por outra fútbol sala. Así, a iso das cinco da tarde, sería a quenda para a proba de atletismo que consistiu en dar varias voltas ó núcleo de Pazos, variables segundo a idade dos participantes.
Finalizadas as carreiras, chegaría o momento de repor forzas bebendo auga e comendo un pouco de froita para seguidamente afrontar a segunda modalidade deportiva: o fútbol sala, onde divididos en equipos segundo as súas idades disputaron diferentes encontros ata dilucidar os campións.
Como remate espectacular, despois da correspondente merenda, a organización tiña preparada unha nova sorpresa, nin máis nin menos que a actuación do gran Mago Albert que sen dúbida fixo gozar ós máis pequenos transportándoos a un mundo de fantasía e ilusións.
Dende a organización agardamos que esta primeira edición das Olimpíadas Rurais da Broa fose do agrado de todos aqueles que vos animastes a participar ou a asistir como público, dende logo, para nos foi unha experiencia piloto que resultou ser enormemente gratificante e que esperamos poder repetir o vindeiro ano, dado que non hai nada máis fermoso que poder reunir a toda a xuventude dos nosos pobos, dado que eles son o futuro. Aproveitando a ocasión queremos agradecer o traballo altruísta que realizaron todos aqueles que se animaron a axudar para facer posible este evento.
27 de Agosto do 2017