Unha xornada de convivencia e confraternidade entre parroquias
O pasado sábado, día 28 de outubro, varios veciños da parroquia participaban na excursión organizada polo noso novo cura: Don Miguel Blanco. Así máis de 150 persoas das distintas parroquias nas que este imparte misa (Entrambosríos, Fechas , Pardavedra , San Martiño, Seoane, Olás, e Zarracós) puideron coñecer de preto a nobreza das Terras do Támega.
O día comezaba coa visita ás instalacións de Augas de Cabreiroá en Verín, onde Plácido (o guía) explicaría moi amablemente as excepcionais características minero-medicinais destas augas que xa en 1906 foron certificadas polo premio Nobel de Menciña Don Ramón y Cajal, o que permitiu unha proxección e posta en valor da zona. Hoxe en día estas augas embotéllanse e expórtanse a todos os recunchos do mundo.
Seguidamente tocaría visitar as ruínas do balneario de Caldeliñas, situadas na marxe esquerda da estrada de Castrelo do Val, amosan o esplendor do que noutra época gozaron, chegando a recibir miles de visitantes. Como ben se pode deducir do nome do lugar, as augas que aquí emerxen son máis ben mornas dado que emanan a unha temperatura de 25 grados e polas súas propiedades son aconsellables para problemas de pel e reumatismos.
A continuación tocaría visitar o santuario dos Remedios de Vilamaior, lugar de peregrinación para as xentes da comarca de Verín, onde Don Adolfo Rolán exerceu como guía e explicou con todo detalle as características deste curioso templo no que García Barbón exerceu de mecenas e xogou un papel fundamental para lograr o remate do campanario e súa posta en valor.
A mañá finalizaría coa visita ó Castelo de Monterrei, hoxe convertido en Parador Nacional, onde aqueles que así o desexaron puideron repor forzas tomando un café, para seguidamente visitar a igrexa románica do complexo amurallado e logo poder subir á torre do homenaxe e divisar as fermosas vistas do val do Támega que dende a súa cima se poden admirar.
Finalizada a visita ó castelo os tres autobuses da excursión emprenderían o camiño cara terras lusas, concretamente cara o restaurante Miradouro situado na estrada de Valpaços, establecemento moi aconsellable dende o que se pode divisar unha fermosa estampa do extenso val do Támega e no que, por suposto, nos brindaron un fantástico e abundante xantar no que non podía faltar o Bacallau.
Xa pola tarde, unha vez ben repostas as forzas, tocaría coñecer a vila fronteiriza de Chaves, sobre todo o seu conxunto histórico. A visita comezaría na praza maior da vila onde se sitúa a Cámara (Similar a un Concello Español), o museo Região Flaviense , a igrexa de Santa María a Maior e a igrexa da Misericordia. Nesta singular praza Don Miguel ofrecería unha extensa explicación de cada unha das edificacións que a compoñen para seguidamente visitar o Castelo de Chaves e subir a torre, hoxe convertida en museo militar, dende a que se divisa unha fermosa panorámica de toda a vila. O día finalizaría coa visita ó interior da igrexa basilical de Santa María a Maior, as termas e a ponte romana sobre o río Támega.
En definitiva, unha xornada de convivencia e confraternidade entre parroquias que permitiu coñecer máis a fondo lugares que temos ben cerquiña pero que non somos capaces de valorar como deberíamos. Aproveitando a ocasión que nos brinda dispor deste medio de comunicación, dende a asociación queremos expresarlle o noso agradecemento a Don Miguel polo enorme traballo levado a cabo para realizar esta excursión.
30 de Outubro do 2017