O Magosto 2017 converteuse no máis multitudinario dos últimos vinte e catro anos

Celebrado o sábado 11 de novembro no que resultou ser un solleiro día de outono

O Magosto 2017 converteuse no máis multitudinario dos últimos vinte e catro anos

O pasado sábado 11 de novembro , coincidindo coa propia festividade de San Martiño, tiña lugar a XXIV edición dunha das festas máis arraigadas e con máis sabor popular da nosa parroquia, da contorna e da provincia: O Magosto.

Moi ó contrario do ano pasado, desta volta a meteoroloxía acompañou dende primeira hora do día permitindo gozar dunha cálida e solleira xornada de outono. Así, a iso das nove da mañá un grupo de voluntarios provistos de varias motoserras, machadas e un par de tractores dispuxéronse a ir buscar leña ó monte comunal do pobo de Zarracós, para xa de paso, aproveitar a ocasión e limpar os piñeiros arrincados polo vento no último temporal. Manolo , San Benito e Vilanova pola súa parte, xa aportaran o seu gran de area traendo cada un o seu respectivo viaxe de leña e a tradicional fogueira quedaría prendida a iso das 10.30 para xa non apagarse ata ben entrada a noite, pois seis tractores de leña dan bastante de si.

Unha vez acendido o lume daría inicio o magosto máis multitudinario dos últimos vinte e catro anos, non en van, a el asistiron máis de 135 persoas, algo que nos enche de orgullo e nos fai ver que nas pequenas parroquias do rural ourensán aínda queda moita vida, só se necesitan gañas de pasalo ben e unirse en irmandade veciñal. A continuación varias voluntarias e voluntarios irían preparando a comida: cortando as empanadas, os lacóns, o pan e as bicas, repartindo a bebida e os utensilios para comer.... e outros irían asando os chourizos e as castañas, que este ano contaron cunha grande aceptación dada a escaseza e baixa calidade das mesmas na nosa zona o que, sen dúbida, as converteu nun produto realmente “cotizado e valorado”.

Este ano a sobremesa non foi especialmente animada, dado que a iso das cinco tarde a maior parte dos participantes marcharon para asistir á misa dominical, que desta volta cadrou a sábado. En contraposición, pola noite, o tema mudou por completo e todos aqueles que se animaron a volver para cear xuntos o que sobrou do mediodía puideron xogarlle unha partidiña ás cartas, gozar de animosas conversas e entoar algunha que outra cantiga popular  nun ambiente completamente distendido.

Antes de rematar estes parágrafos, queremos aproveitar a ocasión que nos brinda esta páxina web para expresar o noso agradecemento a todas as persoas que colaboraron activamente na consecución desta festa, pois sen eles, xamais houbese sido posible.

 

Pulsa aquí para ver a galería fotográfica do Magosto Zarracós 2017

13 de Novembro do 2017




Destacamos