Así foi o primeiro xantar popular do San Andrés

Celebrado o pasado sábado 25 de novembro do 2017

Así foi o primeiro xantar popular do San Andrés

Os inicios sempre son duros e dende logo, este non foi unha excepción. Xamais nos houbese gustado iniciar este artigo con esta frase feita, dado que non era o que estaba nas nosas previsións, nin moito menos! Pero dende a asociación de veciños somos conscientes de que a comida non foi todo o abundante que debería haber sido, feito polo que pedimos desculpas.  

Aínda así, a pesar dos pesares, a xornada festiva para a parroquia de Zarracós comezaba cos correspondentes actos relixiosos a iso das 12.30 da mañá, para finalizados os mesmos, encamiñarse cara o local sociocultural onde estaban dispostas as mesas para os preto de 70 comensais que se decidiron a asistir a esta primeira edición do Xantar Popular do San Andrés.

Unha vez ben sentados todos tocaría degustar un delicioso pero escaso menú, composto por: empanadillas, croquetas, tortilla, callos, bica, pan centeo, viño novo, refrescos, café, licores.... e como non podía ser menos en calquera festa que se prece na nosa parroquia a continuación tocaría entoarlle unhas canterías para alegrar a sobremesa: O miudiño, Camariñas, Alecrín dourado..... son clásicos esenciais do repertorio popular que nunca poden faltar.

Tal e como relatamos no primeiro parágrafo os inicios sempre son duros, pero iso non nos desanima, e de seguro que o vindeiro ano haberá unha nova edición do Xantar Popular do San Andrés. Como ben é sabido, a experiencia é un grado e dos erros apréndese incluso moito máis que dos acertos, así máis alá da comida, dende a asociación intentamos quedarnos co positivo do evento, que sen dúbida, foi reunión en harmonía  e confraternidade dos veciños da parroquia.

A continuación deixámosvos o enlace á galería fotográfica do San Andrés e uns cantos vídeos.

Pulse aquí para ver a galería de fotos do San Andrés 2017

26 de Novembro do 2017




Destacamos