A maxia dos soutos e das carballeiras
Nesta ponte festiva puidemos facer unha pequena andaina por algún dos vieiros recentemente recuperados do esquecemento na nosa zona. Concretamente percorremos os camiños do Reguengo, Chelos e Barreiros e abofé que a ruta paga a pena.
Así, iniciamos esta fermosa camiñada dende o pobo de Salpurido descendendo polo denominado camiño do Reguengo ata a Fraga, un sendeiro dunha anchura bastante considerable e moi ben delimitado por muros de pedra, levantados con mestría polos nosos devanceiros. Ó noso paso unha garduña cruza o camiño saltando de parede a parede ante a nosa incrédula mirada, continuamos andando, paseniñamente imos descendendo e o camiño vaise estreitando para despois dunha gran curva cara esquerda converterse nun carreiro, máis ben estreito, que nos levará directamente ó denominado camiño de Chelos.
O chamado camiño de Chelos, vai dende a Fraga ata a antiga escola de Entrambosríos, discorrendo confinado por valados e muros e sempre custodiado por impoñentes soutos e carballeiras, o que sen dúbida, lle confire unha extraordinaria beleza, tal e como poderedes comprobar nas fotografías que se axuntan con este artigo.
Xa nas inmediacións da escola de Entrambosríos xiramos de novo cara a esquerda para coller o camiño de Barreiros que nos conducirá directamente ó pobo de Lameiroquente, ofrecéndonos ó seu paso unha fermosa paisaxe.
Novamente, e aproveitando a ocasión que nos brinda dispor deste medio de comunicación, non queremos deixar de animarvos a que vos peguedes unha camiñada por algún destes sendeiros, estamos máis ca convencidos de que non vos defraudarán en absoluto.
A continuación podedes ver unha galería fotográfica da andaina de hoxe para que vos fagades unha idea de todo o relatado en parágrafos anteriores. Se tendes a oportunidade, ide admirar este paisaxe en vivo.
09 de Decembro do 2017